María Rivas entrega os carnés de ciberexpert@s a un centenar de rapaces de tres centros coruñeses
xoves, 15 de maio do 2025
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, visitou este xoves 15 de maio tres centros coruñeses: IES Manuel Murguía, CEIP Salgado Torres e CEIP Ramón de la Sagra. Durante a súa estadía nos centros, entregou os carnés de ciberexpert@s aos alumnos (un centenar) que participaron nas actividades de formación tecnolóxica e seguridade dixital organizadas polo Goberno e impartidas pola Policía Nacional. Tamén puxo o foco na importancia de fomentar o uso responsable das novas tecnoloxías.
“Iniciativas como esta son clave para a formación dos menores na web, dándolles ferramentas e aportándolles unha visión positiva no uso seguro de Internet e visualizando, con exemplos reais, os riscos e problemas que se poden atopar na rede”, explicou a subdelegada durante a súa intervención.
O alumnado dos tres centros foi acreditado con este distintivo tras superar as actividades formativas en ciberseguridade incluídas no Plan Director e impartidas pola Policía Nacional para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos. “A clave deste programa conta con tres obxectivos fundamentais: sensibilizar, concienciar e formar ao alumnado, tanto sobre os riscos como sobre as ferramentas das que dispoñen para protexerse ante estes perigos”, explicou Rivas.
Nese sentido, a subdelegada, felicitou o traballo conxunto entre os centros e a Policía Nacional, encargada de impartir as diferentes charlas aos nenos e nenas. Tamén se dirixiu ao alumnado e aplaudiu a súa implicación nesta actividade: “A vosa participación e interese contribúe a crear unha comunidade educativa máis segura e consciente dos retos do mundo dixital”.
Formación Programa Ciberexpert@s
Este programa inclúese dentro do Plan Director, unha iniciativa do Ministerio do Interior co que se pretende prever calquera risco que afecte a seguridade e ao benestar dos e das menores, tanto na escola como na súa contorna. No programa Ciberexpert@s inclúense diversas actividades nas que os alumnos e alumnas aprenden a navegar dunha forma segura nas redes sociais. A Policía Nacional encárgase de formalos nos ámbitos do ciberacoso, o grooming, a suplantación de identidade ou as tecnoadicións, entre outras cuestións. En definitiva: explícanlles como minimizar os riscos cos que se atopan no uso diario das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC).
Ademais, as actividades tamén van dirixidas á súa contorna familiar facilitándolles ferramentas para facer un uso responsable das redes sociais e unha navegación segura a través de Internet. Unha vez que o alumnado supera un test final recibe os carnés de ciberexpert@s impresos na Fábrica de Moeda e Timbre e, por tanto, imposible de falsificar.
