María Rivas fai un chamamento a tirar proveito do Kit Dixital

martes, 28 de maio do 2024 S. P.

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, visitou esta mañá o invernadoiro e as instalacións que a empresa tecnolóxica Azura Tech ten no concello coruñés de Zas, e da man da súa impulsora, Cristina Gil, puido coñecer de primeira man aactividade desta consultora agrotech que pon a tecnoloxía ao servizo da produción agrícola.
A subdelegada informou durante a visita de que o Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, a través do organismo Red.es, vén de ampliar os potenciais beneficiarios do programa Kit Dixital ás empresas que teñan entre 50 e ata 250 persoas empregadas. A todas elas, a subdelegada animounas a solicitar estas axudas, que xa mobilizaron máis de 107 millóns de euros en Galicia a través de 25.800 bonos, 9.700 deles na provincia da Coruña, onde o investimento supera os 41 millóns de euros.
Engadiu que unha das novidades da última convocatoria do programa é que ademais da creación de dous novos tramos (para empresas de 50 a menos de 100 empregados e para as de entre 100 e 250 empregados), con axudas de ata 25.000 e 29.000 euros respectivamente que se poderán solicitar no último trimestre do ano, apuntou tamén que as empresas de menos de tres empregados (como é o caso de Azura Tech), verán incrementado o importe da axuda ata os 3.000 euros. Seguindo este fío, dixo que no caso das que xa tivesen concedida a axuda de 2.000 euros, poderán ampliala nese mil euros a través dun botón específico que se habilitará no seu expediente. A concesión será automática e o formulario estará dispoñíbel o vindeiro mes de xuño.
Rivas indicou que “a maiores, dentro deste segmento, créase a solución posto de traballo seguro, cunha contía máxima subvencionábel de 1.000 euros para financiar a compra de computadores portátiles ou de sobremesa cunha serie de requirimentos que garantan a seguridade e privacidade dos datos almacenados no mesmo
Azura Tech, conta cun invernadoiro de 50 metros cadrados no que esta pequena empresa de base tecnolóxica desenvolve estudos sobre o consumo de auga de especies autóctonas de pementos e tomates, así como a resistencia ás pragas ou ás virosis. Ademais este traballo está desenvolvido a través de ferramentas de Intelixencia Artificial que fan monitoraxe en todo momento do crecemento das especies e facilitan o estudo das mesmas. O obxectivo final é “fomentar a agricultura ecolóxica, pondo a información recollida a disposición das e dos produtores ou doutras empresas de asesoramento para a aplicación de solucións para os cultivos de vexetais”.
María Rivas subliñou a importancia de ver in situ a aplicación práctica de Intelixencia Artificial para o desenvolvemento das pequenas iniciativas de emprendemento do noso rural, neste caso aplicadas tamén ao sector primario. “Podemos ver como a IA convértese nunha aliada da produción en ecolóxico e que axudará sen dúbida á fixación da poboación a través da dinamización da economía local e da xeración de emprego”, sinalou Rivas.