María Rivas felicita ao alumnado gañador de Ciberliga nunha xornada marítima na Coruña
mércores, 18 de xuño do 2025
A subdelegada do Gobierno na Coruña, María Rivas, recibiu este mércores 18 de xuño ao alumnado gañador da última edición da Ciberliga, o certame de ciberseguridade promovido pola Garda Civil a nivel nacional. Como parte do seu premio, as e os estudantes realizaron un bautismo de mar a bordo dun dos buques do Servizo Marítimo Provincial da Garda Civil.
“Este tipo de iniciativas son fundamentais para concienciar á mocidade sobre os riscos e oportunidades do mundo dixital. É un orgullo contar cunha xeración tan preparada e implicada”, afirmou Rivas.
Os estudantes proceden do IES Isaac Díaz Pardo (Sada), do IES Alfredo Brañas (Carballo) e do IES Plurilingüe San Rosendo (Mondoñedo), e acudiron acompañados do seu profesorado. Xa no mes de xaneiro foran recoñecidos cun diploma acreditativo e un trofeo polo seu excelente rendemento.
A Ciberliga combina formación e competición mediante un ciber-desafío, co obxectivo de fomentar un uso seguro e responsable das novas tecnoloxías entre a mocidade. Na edición celebrada en Galicia participaron 1.400 estudantes de 4º da ESO pertencentes a 51 centros das catro provincias. A competición contou cunha fase inicial de formación en liña e unha proba práctica na que os equipos puxeron a proba os coñecementos adquiridos.
Durante a recepción, a subdelegada aproveitou para destacar “o compromiso e a implicación dos homes e mulleres da Garda Civil” neste proxecto educativo e animou aos centros educativos galegos a continuar participando.
