María Rivas visitou Lousame, un dos 51 concellos rurais onde o Goberno impulsará a 5G
martes, 8 de abril do 2025
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, visitou este luns 7 de abril o concello de Lousame, onde destacou a aposta do Goberno por dotar ao rural galego de máis e mellores servizos “que axuden a fixar poboación” e fixo balance dos proxectos levados a cabo polo Concello apoio de fondos estatais. Rivas repasou estes investimentos, que superan o medio millón de euros, na compaña da alcaldesa, Teresa Villaverde.
María Rivas indicou que entre estas achegas do Goberno atópanse os máis de 212.000 euros do programa DUS5000 para a redución da contaminación lumínica e a mellora da eficiencia da iluminación pública, os 137.000 do IDAE para eficiencia enerxética ou os 168.000 euros para a musealización dixital e a adecuación do edificio histórico das minas de San Finx. Este investimentos, dixo, “teñen como fin mellorar a vida dos veciños e veciñas de Lousame”. A este diñeiro hai que engadir os máis de 14.000 euros que o concello recibiu desde 2018 no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
A subdelegada aproveitou a visita para anunciar que Lousame é un dos 51 concellos de menos de 10.000 habitantes da provincia que se van a beneficiar do programa para ampliar a conectividade 5G no rural, un programa que conta cun investimento de 9,3 millóns de euros e que vai beneficiar 13.000 habitantes na provincia.
“Queremos un rural vivo; que a xente do rural poida vivir nel e atraer nova poboación”, indicou Rivas, que sinalou que para” iso fan falta medidas decididas como as que está a tomar o Goberno, que a finais deste ano conta con dotar a todo o territorio de conexión a Internet de alta velocidade”. O reto demográfico, engadiu, “é un reto de país e a transformación dixital xoga un papel crucial. Pór esta tecnoloxía ao alcance de todos é unha forma de construír unha sociedade máis xusta e adaptada ao progreso”, apuntou.
Nesta liña, a subdelegada tamén destacou A Administración Preto de Ti, un programa que simplifica as relacións coa Administración grazas á obtención do certificado dixital, “que é a chave que permite realizar de forma telemática máis do 90% das xestións e das comunicacións coa Administración Xeral do Estado”, desde trámites básicos como as prestacións, o pago de impostos, permisos de condución, abono de taxas públicas, solicitudes de axudas ao estudo ou certificados de vida laboral, ata a solicitude de subvencións, que en moitos dos casos só pódense xestionar de maneira telemática.
“A mellora da conectividade e das competencias dixitais son dúas actuacións que van da man para dotar á cidadanía das ferramentas para poder desenvolver a súa vida sen a necesidade de desprazarse”, afirmou Rivas, que incidiu na importancia do programa, que “reforza a presenza do Estado no territorio, en particular, nos municipios menos poboados”.