Mariano Rajoy estrea web electoral

xoves, 20 de decembro do 2007 Marcus Fernández

O secretario executivo de Comunicación do Partido Popular, Gabriel Elorriaga, e o director da campaña electoral, Pío García Escudero, presentaron na sede do PP a nova páxina web do seu candidato á Presidencia do Goberto.
Dende hoxe cambia así a aparencia da web oficial do Partido Popular, que pasa a ser unha web de campaña, cunha imaxe impactante e rica en cores, que serve de plataforma para acceder a información sobre os vindeiros comicios electorais, unha sección de prensa, as redes sociais das que procurará facer uso o Partido para mobilizar ós seus seguidores e mesmo unha sección audiovisual coñecida coma Rajoy TV.
A portada da web tamén presenta unha conta atrás ó día das eleccións, así como destaca a existencia da web voluntariospopulares.com, que pretende mobilizar ós simpatizantes populares, aínda que no momento de escribir estas liñas presentaba problemas de acceso.
Pero se alto destaca na nova web popular é que dende o apartado El despacho de Rajoy se poderán coñecer algúns dos aspectos máis íntimos de Mariano Rajoy, como os seus gustos literarios, cinematográficos e musicais ou as súas afeccións, aínda que é na sección De cerca nas que amosa a súa cara máis curiosa, véndose imaxes da súa vida (incluíndo a súa primeira comuñón ou os seus paseos en bicicleta).
En Mis ideas tamén inclúe unha relación de discursos do candidato popular que se poden descargar en formato PDF.
Oportunamente a nova web tamén publican unha mensaxe na que deixan clara a súa oposición ó canon dixital que tanto debate xerou na presente semana.
O máis controvertido da web popular para os comicios electorais sería o feito de que ten unha forte dependencia da tecnoloxía Flash, o que fai que o espazo non sexa accesible dende distintos dispositivos (e para certos usuarios) polo que a mensaxe que queren transmitir a través da Rede podería non chegar a tódolos cidadáns.

PUBLICIDADE