Mariñán e o MUNCYT serán fervedoiros de información STEM da man da Deputación da Coruña

mércores, 5 de xaneiro do 2022 S. P.

O ano comeza con forza no que a divulgación científico-tecnolóxica se refire. Dous dos grandes epicentros desta actividade de difusión e comunicación serán o Pazo de Mariñán (Bergondo) e o MUNCYT da Coruña, que acollerán, entre o 13 e o 15 de xaneiro, a cuarta edición de A luz da ciencia, xornadas científicas impulsadas pola Deputación da Coruña a través da área de Patrimonio. Abordaranse cuestión como os novos enfoques da comunicación STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática), a perspectiva de xénero, a realidade laboral e o teito de cristal.
En definitiva, a loita para lograr a plena visibilidade dos logros das mulleres en investigación e os esforzos para incrementar a súa presenza nas carreiras STEM serán dous dos grandes obxectivos das xornadas.
Segundo informa a Deputación, estes encontros científicos están concibidos, nesta cuarta edición, para “reflexionar sobre as fendas de xénero que están vixentes no eido da práctica profesional e investigadora das disciplinas científicas, achegando visións desde tres eidos diferentes: as aulas e o proceso formativo, a lexislación e a realidade profesional, e a divulgación e a comunicación científica”.
Ao fío do devandito, o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas salientou na presentación do evento que, segundo datos globais da ONU, menos do 30% de investigadores e científicos de todo o mundo son mulleres, e tan só 1 de cada 3 estudantes de carreiras universitarias do ámbito CTIM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) é unha muller. “Cando puxemos en marcha este programa de xornadas propuxémonos achegar a ciencia á sociedade dun xeito accesíbel e tratando temas de interese para o conxunto da cidadanía e, neste sentido, abordar a situación de desigualdade de xénero que se observa nas disciplinas do chamado ámbito CITM é de xustiza e necesario”, asegurou Xosé Lois Penas.
a primeira xornada, dedicada a Didáctica das ciencias experimentais contará coa participación de Mireia Colom e Susaina Figuera, da Fundació catalana per a la recerca i la innovació; a sesión sobre Ciencia investigación e xénero correrá a cargo de relatoras da Rede Galega de Investigadoras: María de la Fuente Freire, Elena Lendoiro Belío, Vanessa Valdiglesias García, e Zulema Varela Río; mentres que a sesión sobre Divulgación, comunicación científica e xénero reunirá a Maite Vence, Paula Otero Sánchez e Isa Loureiro que abordarán tres proxectos de divulgación desde diferentes perspectivas e con públicos obxectivo específicos.
Ademais, o sábado 15, ás 16:30h no MUNCYT, a ilustradora Isa Loureiro impartirá un obradoiro de ilustración que tomará como fío condutor a ruta das camelias do Pazo de Mariñán.

PUBLICIDADE