Mario Kart Tour estrea modo multixogador

luns, 9 de marzo do 2020 Marcus Fernández

A función máis agardada do Mario Kart Tour xa está aquí, e por fin podemos gozar deste xogo de competición sobre rodas enfrontándonos con até 7 xogadores máis, podendo elixir a rivais que estean na nosa listaxe de amigos, a xogadores que se atopen preto (para o que debemos autorizar o acceso á nosa localización) ou a xogadores de calquera parte do mundo.
As carreiras normais estarán dispoñibles para todos os xogadores, mentres que as carreiras douradas serán exclusivas dos que teñan unha subscrición ao pase dourado do xogo (que custa 5,49 euros/mes).
A actualización que incorporou o modo multixogador tamén achegou a función de cámara, que permite mover o punto de vista mentres o piloto compite, de xeito que podemos ver a carreira dende distintos ángulos.
Lembremos que Mario Kart Tour é un xogo de balde (con compras dentro da aplicación) dispoñible para iOS e para Android, que supón unha simplificación do Mario Kart de consola para adaptalo ás limitacións de interface propias das pantallas táctiles, e que tamén ten como grande elemento diferenciador o xogarse coa pantalla en vertical, o que pode considerase unha importante eiva para un xogo deste tipo. Temos así que as diferenzas entre o Mario Kart Tour e o xogo para Nintendo Switch son tan grandes que fan posible que o xogo tradicional non se vexa vampirizado pola súa versión móbil.

Vídeo no que presentan o multixogador de Mario Kart Tour

PUBLICIDADE