Mark Zuckerberg quere que a futura intelixencia artificial estea baixo o control das persoas

mércores, 30 de xullo do 2025 Redacción

O máximo responsable de Meta, Mark Zuckerberg, vén de presentar a súa visión para a vindeira etapa da intelixencia artificial: a superintelixencia persoal. A través dunha carta publicada no sitio web da compañía, Zuckerberg defendeu a idea de que o verdadeiro potencial da IA non reside unicamente na automatización do traballo, senón na capacidade de poñer ferramentas avanzadas ao servizo de cada individuo.
«Nos últimos meses empezamos a ver como os nosos sistemas de IA melloran por si sós. O progreso aínda é lento, pero innegable», asegura Zuckerberg. Con isto como punto de partida, a compañía propón unha nova etapa de desenvolvemento tecnolóxico centrada na axuda personalizada: intelixencias artificiais que coñezan en profundidade a cada usuario, comprendan os seus propósitos e o acompañen no día a día, dende tarefas cotiás ata experiencias creativas ou relacións persoais.
Zuckerberg establece un claro contraste con outras empresas do sector, ás que acusa implicitamente de promover un modelo centralizado, baseado en substituír o traballo humano por sistemas automáticos e distribuír despois os beneficios. «En Meta cremos que o progreso sempre chegou cando as persoas puideron perseguir os seus propios soños», subliña.
A tecnoloxía necesaria para facer realidade esta visión inclúe dispositivos persoais como lentes intelixentes, capaces de ver e escoitar o mesmo que o usuario e interactuar con el ao longo do día. Para Zuckerberg, estes aparellos converteranse nos principais instrumentos de computación, superando incluso aos actuais ordenadores e móbiles.
O executivo tamén recoñece os desafíos que implica a superintelixencia, especialmente no eido da seguridade e a responsabilidade. Aínda así, avoga por un modelo aberto e accesible, no que o poder destas tecnoloxías se reparta do xeito máis amplo posible.
A carta conclúe cunha chamada á acción: «O que queda desta década será decisivo para determinar se a superintelixencia será unha ferramenta de empoderamento persoal ou un mecanismo para substituír a grandes sectores da sociedade». Meta, segundo Zuckerberg, está decidida a liderar esta transición.