Marosa inaugura as súas novas oficinas en Vigo

luns, 24 de novembro do 2025 S. P.

Marosa, compañía tecnolóxica especializada en solucións de cumprimento fiscal (TaxTech), inaugurou este luns 24 de novembro as súas novas oficinas no centro de Vigo, un espazo que, en palabras da empresa, “reforza o papel de Marosa como empresa global con raíces galegas e marca un novo fito na súa traxectoria”.
Dende a dirección da compañía lembraron que “en menos dunha década, a firma viguesa consolidouse como unha scale-up de referencia no mercado europeo do software de xestión tributaria”, e ademais “o seu crecemento sostido viuse reforzado en 2024 coa captación dun investimento de 12 millóns de euros, que impulsou a súa expansión internacional, a ampliación dos seus equipos e o desenvolvemento de novas solucións tecnolóxicas vinculadas ao IVE e á facturación electrónica”.
A compañía supera xa os 100 empregados e dispón de oficinas en Vigo e Madrid. Ademais, conta con empregados en Reino Unido, Países Baixos, Italia e Portugal, desde onde achega servizo a clientes en toda Europa.
Durante o acto de inauguración, que contou coa presenza de representantes das principais institucións da comunidade e numerosas figuras do tecido empresarial galego, o seu director executivo (CEO) e fundador, Pedro Pestana da Silva, explicou a actividade da compañía, que hoxe factura máis de 10 millóns anuais e onde o 15% da mesma provén de EEUU. “Estamos orgullosos de todo o equipo e do traballo duro que se fai en Marosa”, destacou.
“Atopámonos ante unha onda de regulamento que impón o uso do noso software e temos a vantaxe de que somos unha empresa relativamente pequena, polo que as decisións son tomadas ao momento, e iso é unha gran vantaxe”, engadiu o CEO de Marosa, quen tamén agradeceu a todos os provedores locais o seu acompañamento desde o primeiro intre.
Entre as persoas participantes no acto atopábase a concelleira de Educación do Concello de Vigo, Olga Alonso, quen destacou o bo ambiente de traballo que se respira nas novas oficinas: “Que a xente estea contenta traballando é fundamental”. Ademais, puxo en valor que o idioma oficial da empresa sexa o inglés, “o que demostra a internacionalización dunha cidade como Vigo e animou á compañía para seguir crecendo”.
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, felicitou ao CEO da firma polo seu éxito e agradeceu tamén que unha compañía destas características, “onde as fronteiras están fóra, decida quedarse aquí podendo estar en calquera parte do mundo, e sodes capaces de atraer e reter talento”.
Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, quen pechou a quenda de intervencións, apuntou que é “un orgullo que unha empresa con máis de 100 empregados e tanto talento estea nunha cidade como a nosa”.
Marosa consolidouse como empregador local de referencia en Galicia, incorporando de maneira continua profesionais egresados da Universidade de Vigo, xunto a perfís sénior de toda Europa.
Esta combinación de talento achega “un valor diferencial que permite á empresa competir no mercado internacional e continuar desenvolvendo solucións avanzadas para os seus clientes”, explicaron dende a dirección da compañía, cuxas novas oficinas, situadas na contorna da praza de Compostela da cidade olívica, “permitirán seguir creando emprego cualificado e atraer profesionais nos ámbitos fiscal e tecnolóxico, impulsando a innovación nun sector en plena expansión”.