Marshall tira proveito da tecnoloxía Auracast para domotizar os seus altofalantes

venres, 23 de xaneiro do 2026 Redacción

Para facilitar a construción dun sistema sonoro sen fíos no fogar dende Marshall están a comercializar un novo elemento moi práctico: o concentrador de streaming de música Heddon. Este dispositivo é capaz de sincronizar varios altofalantes ao mesmo tempo, facilitando unha experiencia sonora continua en toda a casa, podendo adquirirse en España a un prezo de 199 euros.
O dispositivo funciona a través de Wi‑Fi (de xeito que pode achegar música de Spotify, Tidal, Google Cast e AirPlay) e incorpora Auracast, unha tecnoloxía que permite enviar o mesmo fluxo de audio a múltiples altofalantes compatibles. Esta solución facilita moverse entre estancias sen interrupcións nin desfases, e como punto forte integra conectores RCA tanto de entrada como de saída, facilitando estes últimos a conexión de altofalantes de anteriores xeracións (sen tecnoloxía Auracast) e prolongando a súa vida útil. A entrada RCA, pola súa banda, está pensada para a conexión de dispositivos como os tocadiscos, facilitando así que os discos de vinilo poidan ter presenza en todo o fogar.
Marshall promove a compra deste produto en combinación cos altofalantes Acton III, Stanmore III e Woburn III, compatibles coa súa tecnoloxía de comunicación sen fíos, e que incluso poden adquirirse en lotes. Por exemplo, por 798 euros é posible adquirir un Heddon acompañado por un par de altofalantes Standmore III (valorados en 399 euros cada un) e por 598 euros o par de altofalantes sería do modelo Acton III (valorados en 299 euros cada un), polo que podemos entender que a marca busca percibir que o seu novo accesorio é un agasallo (fomentando así a súa implantación nos fogares dos audiófilos).