Martina Aneiros destaca a implicación da Xunta no fomento das vocacións STEM
luns, 17 de xuño do 2024
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, saudou esta mañá aos escolares que participan nos obradoiros do programa de fomento de vocacións científico-tecnolóxicas D’tec que a Xunta de Galicia organiza esta semana no CIS Tecnoloxía e Deseño.
Durante a visita Aneiros lembrou a necesidade de “formar e atraer talento cara a un sector de gran potencial” como o científico-tecnolóxico e destacou “a implicación do Goberno galego á hora de impulsar as vocacións STEM desde as idades máis temperás”.
Na xornada de hoxe un total de 31 alumnos de 5º e 6ª de Primaria do CPR San Rosendo de Ferrol participaron, divididos en dous grupos, nos talleres Tecnolab e A Química e a cosmética. Na primeira proposta o alumnado puido coñecer as implicacións prácticas da programación de placas electrónicas e a súa importancia na vida cotiá, mentres que no segundo taller ofreceuse aos participantes unha aproximación á estrutura da materia e a química que puideron poñer en práctica a través da creación de bombas de baño e outros cosméticos.
Estes son dous dos talleres educativos D’tec para grupos centrados en temáticas ligadas á actividade do CIS Tecnoloxía e Deseño e nos que participaron preto dun milleiro de rapaces de 28 centros educativos de toda Galicia no que vai de ano. Ademais dos talleres, o programa de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas da Xunta de Galicia inclúe a celebración de espectáculos científicos D’tec de 2 horas e media de duración e orientados a alumnos de Secundaria, Formación Profesional e Bacharelato, como o que vai ter lugar mañá e o mércores baixo o título Innovando a ombros de xigantes.