Martina Aneiros destaca en Ferrol o potencial da IA para impulsar a moda e a economía galega

xoves, 7 de maio do 2026 Redacción

O Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña acolleu a cuarta edición de The future of fashion talent, unha xornada centrada nesta ocasión no impacto da intelixencia artificial na cadea de valor da moda e na transformación do emprego no sector.
O encontro, impulsado en colaboración con Modaes e Cointega, reuniu profesionais da industria, da formación e do ámbito tecnolóxico para analizar como a IA xa está a modificar procesos de deseño, produción, sustentabilidade, xestión e toma de decisións nas empresas de moda. A xornada tamén puxo o foco nas novas habilidades e perfís profesionais que demandará o sector nos vindeiros anos.
Entre os participantes figuraron representantes da propia universidade e de firmas como The Are, El Pulpo e Lady Pipa, que compartiron experiencias sobre a integración destas ferramentas tecnolóxicas nas súas actividades.
A clausura correu a cargo da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, quen destacou o potencial da intelixencia artificial para impulsar sectores estratéxicos da economía galega. Aneiros puxo en valor «o Grao en Xestión Industrial da Moda, unha titulación pioneira» e subliñou a importancia de crear espazos de encontro entre o ámbito académico e o empresarial.
Durante a súa intervención tamén fixo referencia ao Programa galego de IA 2026-2028, co que a Xunta pretende favorecer o desenvolvemento e adopción desta tecnoloxía en Galicia, promovendo ao mesmo tempo unha transición dixital «sostible e ética».