Marvel’s Spider-Man: Miles Morales confunde coas súas distintas versións

venres, 6 de novembro do 2020 Marcus Fernández

Ao presentar os xogos de lanzamento da PlayStation 5, consola que chegará a España o vindeiro día 19, houbo unha grande confusión xa que, tras aproveitar o xogo Marvel’s Spider-Man como exemplo das melloras que podería experimentar o título ao adaptarse da PS4 á PS5, anunciouse que tería unha especie de expansión que venderíase por separado na que Peter Parker sería substituído por Miles Morales como defensor da cidade.
Nun primeiro momento houbo grande confusión sobre se Marvel’s Spider-Man: Miles Morales sería unha expansión ou un xogo independente, e tamén había moitas dúbidas sobre o xeito no que Marvel’s Spider-Man estaría dispoñible para PS5, aínda que o máis rechamante foi que finalmente o xogo de Miles Morales fose ter versión para PS4, xa que considerábase que era un xogo de nova xeración e non interxeneracional. O feito de que a PS5 chegue a EE.UU. o vindeiro día 12, data na que sairá o xogo á venda, tamén suma confusión, xa que así sería posible gozar dun xogo de lanzamento de PS5 antes da dispoñibilidade da propia consola, e incluso sería posible que un usuario de PS4 completase o xogo en España un dos xogos de referencia de PS5 antes da chegada desa consola a España.
Ante esta complexa situación, na que existen versións para PS4 e PS5 de dous xogos distintos de Spider-Man, Sony veuse na obriga de publicar unha táboa na que pretenden clarexar ao usuario a versión do xogo que debe adquirir en función das consolas nas que queira xogalo.
Por unha banda os xogadores teñen que entender que Marvel’s Spider-Man: Miles Morales pode adquirirse en edición física ou dixital, ambas a un prezo oficial de 59,99 euros tanto na súa versión para PS4 como para PS5, destacando a versión de PS4 por ofrecer a posibilidade de actualizar á versión de PS5 totalmente de balde (sendo preciso ter en conta que coa edición física é preciso contar cunha PS5 con lector de discos para poder gozar da actualización).
Para PlayStation 5 tamén haberá unha edición de luxo en físico e dixital por 79,99 euros que inclúe o DLC La Ciudad Que Nunca Duerme e unha versión remasterizada de Marvel’s Spider-Man que tamén pode conseguirse dende como compra dentro da edición estándar do xogo de Miles Morales, ou sexa, que inicialmente Marvel’s Spider-Man será retrocompatible, pero de querer gozar da súa versión mellorada para PS5 haberá que mercar Marvel’s Spider-Man: Miles Morales, o que decepcionou a moitos consumidores que daban por sentado que o xogo de Peter Parker incluiría as melloras en PS5 sen custo adicional.

Marvel’s Spider-Man: Miles Moreles chega en 6 versións, das que só as de PS5 abren a posibilidade de facerse coa versión remasterizada de Marvel’s Spider-Man

PUBLICIDADE