Dende os anos 90 os xogos de loita de Capcom cruzáronse cos personaxes da Marvel, permitido que os loitadores de sagas como Street Fighter puidesen loitar con membros dos X-Men ou dos Vingadores, converténdose nun importante referente dos xogos de loita en 2D, pero que finalmente van dar un importante salto adiante ao pasar a ser un xogo desenvolvido en Unreal Engine 4 en Marvel vs. Capcom: Infinite, de xeito que os combates de 2 contra 2 desta nova produción estarán procesados en 3D, conseguindo así unha estética máis realista e fuxindo da aparencia de banda deseñada das anteriores entregas.
Este novo xogo presentouse a pasada fin de semana no marco da PlayStation Experience 2016, e ofrecerá varios modos para un xogador e tamén contidos multi-xogador, de xeito que o choque de universos que propoñen promete ser moi diverso, aínda que o punto forte desta saga é, sen dúbida, o poder controlar a personaxes que nun principio non terían que poder enfrontarse nunca, como Iron Man, Ryu, Mega Man X ou a Capitana Marvel, a quen irán uníndose novos loitadores, sen esquecer a malvados como o androide Ultrón.
Aínda que polo momento son poucos os detalles que se coñecen deste impresionante xogo de loita, está confirmado que sairá á venda para PlayStation 4 a finais de 2017.
Vídeo de presentación de Marvel vs. Capcom: Infinite
