Más da metade das empresas tecnolóxicas galegas desenvolven medidas de RSE

luns, 14 de agosto do 2017 Redacción

En Galicia, 7 de cada 10 empresas TIC coñecen o termo Responsabilidade Social Empresarial (RSE), e 6 de cada 10 teñen implantado actuacións de RSE no seu funcionamento diario segundo se desprende do informe A Responsabilidade Social Empresarial das Empresas TIC de Galicia. Edición 2016, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á AMTEGA.
Entre as empresas que coñecen o termo de Responsabilidade Social Empresarial existen distintas sensibilidades respecto ao que implica o termo, sendo maioritarias as seguintes as acepcións de compromiso ante a sociedade (97,6%), a da ética e a transparencia (97,5%) e de responsabilidade cos traballadores (96,3%).
As políticas dedicadas á seguridade e hixiene no traballo (54,7%), á conciliación laboral e familiar (43,9%) e á formación e capacitación dos empregados (37,1%), son as que contan cunha maior presenza dentro das empresas TIC galegas.
A totalidade de políticas de RSE analizadas incrementaron a súa presenza na empresa TIC galega, destacando incremento de case 12 puntos nas medidas relativas á conciliación laboral e familiar, pasando dun 32,0% no ano 2014 ao 43,9 % no ano 2016.
En canto ao nivel de actuación de políticas de RSE no ámbito mercantil, de cara ao cliente, ao consumidor e á Administración, as políticas de información e asesoramento sobre o produto ou servizo son a actuación máis estendida.
As actuacións de RSE especializadas en provedores son as que contan cunhas porcentaxes de integración máis baixa en termos globais. Non obstante, de maneira global as relacións cos provedores están a experimentar melloras, especialmente as actuacións destinadas a favorecer canles de diálogo cos provedores á fixación de prazos de pago que permitan aos provedores manter a súa viabilidade económica.

PUBLICIDADE