MásMóvil lanza unha oferta agresiva para captar clientes de Digi

martes, 16 de setembro do 2025 Marcus Fernández

Os operadores de telecomunicacións están empeñados en frear o crecemento de Digi, e ao igual que hai unhas semanas Lowi e Vodafone lanzaron promocións agresivas para captar clientes da operadora romanesa, agora é MásMóvil a compañía que quere captar clientes de Digi, para o que lanzan unha atractiva oferta que consiste en fibra óptica de 500 Mbps, 2 liñas móbiles con chamadas ilimitadas e 50 GB de datos compartidos, teléfono fixo con chamadas ilimitadas a fixos, instalación e router Wi-Fi de balde e un smartphone Motorola G15 por 19,90 euros/mes durante os primeiros 12 meses (tras os que pasarán a cobrar 34,90 euros/mes).
Este tipo de campañas están a facerse cada vez máis habituais, aínda que no caso de MásMóvil resulta moito menos atractiva que a de Vodafone, xa que o prezo promocional ten un límite temporal de 12 meses, mentres que os prezos que ofrece Vodafone (repetindo a promoción varias veces nas últimas semanas) non teñen límite de tempo (aínda que están suxeitos á suba anual do IRPF, e os contratos teñen unha vixencia de 24 meses, polo que non falamos de prezos para sempre, como teñen prometido outras compañías no pasado).