MasOrange e a Xunta levarán a rede 5G a case 250 municipios galegos de menos de 10.000 habitantes
martes, 11 de febreiro do 2025
A directora xeral de Regulación, Asuntos Públicos e Sostibilidade de MasOrange, Luz Usamentiaga, e Alfredo Ramos, director de R e de MasOrange en Galicia, mantiveron un encontro con Juan Carlos Reboredo, secretario xeral da Oficina de Coordinación Económica da Presidencia da Xunta de Galicia, para pór en común os avances na despregadura de redes 5G en Galicia no marco do programa de axudas Unico 5G - Redes Activas. Na xuntanza participou así mesmo Julián Cerviño, director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
O devandito programa, cuxo obxectivo é a provisión de servizos de comunicacións móbiles con tecnoloxía 5G, está financiado polo Fondo de Recuperación da Unión Europea – NextGenerationEU dentro do marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno.
Após a última convocatoria de Unico 5G - Redes Activas de finais de 2024, MasOrange foi a principal adxudicataria destas axudas en Galicia. Cun total de 70 millóns de euros de investimento ata finais de 2026, este proxecto de despregadura beneficiará preto de 250 municipios de menos de 10.000 habitantes nas catro provincias galegas. O plan contempla a realización de traballos nunhas 1.000 estacións móbiles, 100 das cales serán de nova construción.
Grazas a MasOrange, despois da despregadura das redes 5G do programa UNICO 5G-Redes activas preto do 100% da poboación estará conectada con 5G.
Tanto Luz Usamentiaga como Alfredo Ramos agradecéronlle á Xunta de Galicia a súa gran colaboración e apoio para a boa marcha da despregadura, que “permitirá axiña que a meirande parte da cidadanía e as empresas galegas conten coa conectividade móbil máis avanzada, tamén no medio rural”, sinalaron.
Así mesmo, os representantes de MasOrange informaron a Juan Carlos Reboredo que “a redución da fenda dixital na contorna rural é un dos grandes compromisos da compañía”, que ten ademais unha decidida aposta polo desenvolvemento socioeconómico e tecnolóxico de Galicia, con “R como
marca de referencia no territorio”. Este compromiso concretouse en máis de 2.300M€ de investimento acumulado ao longo de toda a traxectoria da compañía en Galicia, tal e como fixo saber o director executivo (CEO) de MasOrange, Meinrad Spenger, nunha recente visita institucional ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.
O compromiso de R e MasOrange con Galicia
A operadora galega lembrou que Galicia MasOrange é, a través de R, “a opción preferida por fogares e negocios no territorio e o operador con maior cobertura de banda larga da nosa Comunidade”. A súa rede de fibra chega a máis de 1,7 millóns de fogares nos 313 municipios galegos, onde pode gozar da súa alta velocidade case que o 100 % da poboación.
Ademais, R é a primeira operadora que dota a clientes sen fibra en Galicia dunha solución 5G converxente fixo e móbil en 224 municipios galegos a través do seu servizo Internet Rural. “Grazas a isto, aldeas do rural gozarán dos servizos de Internet de R do mesmo xeito que as capitais de provincia do territorio: máis un paso na redución da fenda dixital entre ambas as contornas”, engadiron fontes da operadora galega.