MasOrange levará a intelixencia artificial ás pemes dende a Cidade das TIC e a plataforma IA4B

mércores, 22 de abril do 2026 S. P.

O Centro de Servizos Avanzados (CSA) da Cidade das TIC da Coruña será o espazo compartido para empresas onde se desenvolva IA4B de Orange, unha plataforma de intelixencia artificial pensada para lles facilitar o acceso á IA a pequenas e medianas empresas de todo o territorio estatal.
Orange, marca principal do grupo de telecomunicacións e ao que tamén pertence a galega R, resultou adxudicataria dunha subvención de máis de 1,3 millóns de euros destinados ao desenvolvemento (neste centro de servizos avanzados para empresas emprazado na antiga Fábrica de Armas da Coruña, hoxe convertida en factoría de coñecemento tecnolóxico-dixital) do proxecto IA4B no marco do Programa de Infraestruturas Estratéxicas Abertas do IGAPE. O obxectivo do plan é “xerar cadeas de valor e conectar empresas tractoras con outras de menor tamaño que se poidan beneficiar de recursos de alto valor engadido”, explicou Orange, engadindo que súa plataforma IA busca “democratizar o uso e os beneficios das ferramentas e sistemas intelixentes e mellorar a produtividade e competitividade dos negocios cos referentes da soberanía e control dos datos e a aplicación da lexislación europea no contexto IA (AI Act RXPD)”.
Orange salienta tamén que a infraestrutura do CSA apóiase en enerxías renovables, o que “reforza o enfoque de eficiencia e cumprimento ambiental para responder tamén aos fundamentos de enerxía e sostibilidade”.
Visita en decembro
Como lembraremos, o pasado mes de decembro a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana, visitou o CSA da Cidade das TIC, onde Orange desenvolverá o proxecto, para coñecer sobre o terreo os detalles da plataforma IA4B: Intelixencia artificial para empresas. Lorenzana salientou a proposta de Orange ao combinar dous elementos esenciais: o acompañamento ás empresas tecnolóxicas para que poidan desenvolver solucións innovadoras e a posta ao dispor do empresariado galego destes produtos punteiros.
100 casos de uso
Orange engade que o pulo do proxecto permitirá “activar decontado” a fase de execución dos traballos: acondicionamento da aula e do showroom , instalación de equipamento e despregadura en preprodución da plataforma. A iniciativa arrinca con máis de 100 casos de uso listos para adaptar en agricultura, industria, cultura e servizos, cantidade que está previsto multiplicar significativamente en varios centenares e mesmo acadar o milleiro en cinco anos. Ademais, o desenvolvemento será confiado fundamentalmente a empresas galegas, “o que favorecerá o reforzo do emprego, o talento e a cadea de valor tecnolóxica en Galicia”, salienta a operadora, engadindo que o ecosistema empresarial galego manifestou “expresamente” o seu interese e consideración da oportunidade do proxecto, como acreditan as cartas de apoio recibidas de DIH DATAlife, Clúster TIC Galicia, Clúster Saúde de Galicia (CSG), Clúster da Función Loxística, Centro Tecnolóxico Gradiant, Cinfo, Vicomtech, Tecnalia, Unirisco SCR, a Asociación de Empresarios de Agrela, AEMOS ou o Círculo de Empresarios de Galicia.
Dispoñibilidade plena da plataforma en 2027 e grande investimento futuro
Ao longo de 2026 está previsto desenvolver a actividade comercial inicial e os primeiros pilotos da plataforma IA4B de Orange, con pemes que entrarán xa en experiencias de valor xunto a clústeres e centros de innovación dixital (DIH_ Digital Innovation Hub ). O obxectivo destes traballos iniciais será medir o aforro de tempo, mellorar a calidade dos procesos e calibrar o impacto en vendas, con indicadores compartidos e gobernanza dende o CSA da Cidade das TIC.
No arrinque de 2027 prevese xa a dispoñibilidade xeral da plataforma para clientes a escala nacional, cun catálogo completo de casos de uso e servizos de soporte.
Ademais do investimento inicial de 3 millóns (máis de 1,3 millóns deles de subvención), está prevista unha mobilización de fondos adicional ao longo dos vindeiros dez anos para persoal e servizos, co que o orzamento total investido podería acadar os 70 millóns de euros na vindeira década.
Alfredo Ramos, director de R e do grupo MasOrange en Galicia, asegurou que “IA4B é unha oportunidade real para as pemes porque automatiza tarefas esenciais, protexe os seus datos ao abeiro da normativa europea e permítelles arrincar rápido cun catálogo listo para usar e escalar segundo o negocio. En 2026 activaremos a actividade comercial inicial e os primeiros pilotos xunto a hubs e clústeres, medindo o valor tanxible que xera a plataforma; e farémolo dende A Coruña para toda España”.
Antonio Rodríguez del Corral, Administrador do CSA da Cidade das TIC, explicou que “ a misión do CSA é xerar e albergar proxectos transformadores. E IA4B encaixa nese reto: colaboración entre empresas, innovación e aplicación rápida de resultados. É unha grande oportunidade para o sector TIC contar con programas como o de Infraestruturas Estratéxicas Abertas do IGAPE para que a Cidade das TIC e Galicia poidan acoller un proxecto coma este, que quere ser relevante para unha IA empresarial útil e soberana a escala nacional. Esperamos tamén que moi proximamente o Plan Director das TIC de Galicia permita impulsar outras iniciativas para converter Galicia en actriz principal das TIC de España”.