MasOrange pecha un novo acordo para facer uso da rede de fibra de Telefónica

mércores, 11 de setembro do 2024 Marcus Fernández

O diario Expansión adianta que Telefónica e MasOrange pecharon un acordo para que MasOrange poida acceder á infraestrutura de fibra óptica até o fogar de Telefónica como se fose propia durante varias décadas a un prezo vantaxoso, o que suporía que MasOrange deixe de realizar investimentos no espallamento da súa rede de fibra óptica en España.
O acordo facilitaría o acceso a 3,5 millóns de fogares con cobertura de Movistar, pero non como un simple aluguer, senón que supón que MasOrange asumiría parte dos gastos operativos e de mantementos da rede nesas zonas, coa vantaxe de non ter que asumir o risco de facer unha despregadura de fibra que non resulte rendible.
Para Telefónica este tipo de acordo tamén resulta beneficioso, ao garantir a contratación de MasOrange, que nalgunhas zonas podería optar por outras compañías con rede propia.