Mass Effect: Andromeda estrea tráiler co gallo do N7

luns, 7 de novembro do 2016 Marcus Fernández

O logotipo N7 que representa o maior nivel das forzas especiais da Alianza de Sistemas da franquía de xogos Mass Effect inspirou que hoxe fose un día de celebración (por ser 7 de novembro, ou 7N), aproveitándose esta xornada para estrear o tráiler de Mass Effect: Andromeda, xogo que ten previsto ver a luz para PC, PS4, PS4 Pro e Xbox One na primavera de 2017, e que animará aos xogadores a explorar a galaxia de Andrómeda, a 2.537 millóns e anos luz, visitando mundos alieníxenas e descubrindo os seus misterios mentres se busca un novo fogar para a humanidade.
Este novo xogo contará cun profundo e flexible sistema de progresión, levando á brigada protagonista a participar en combates nos que facer uso de armamento avanzado, habilidades especiais e algún novo truco; aínda que na espera para o lanzamento deste título dende Microsoft tamén achegan unha boa nova: os xogos Mass Effect 2 e Mass Effect 3 incorpóranse ao programa de xogos retrocompatibles, ou sexa, que pese a lanzarse no seu día en Xbox 360, agora poden xogarse en Xbox One, o que axudará a moitos a revisar esta atractiva saba antes da chegada da súa nova historia.

Novo tráiler de Mass Effect: Andromeda

PUBLICIDADE