MasterCard pon cancelas ás probas de balde

xoves, 17 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Unha práctica moi habitual en moitos servizos é a oferta de períodos de proba de balde tras a introdución dos datos de pagamento, o que en non poucas ocasións remata con renovacións accidentais por parte de usuarios non contentos co período de proba, pero que esquecen dar de baixa a subscrición.
Realízase así unha compra sen a correspondentetoma de decisión consciente, o que xera un grande descontento ao que MasterCard responde cunha nova norma: non permitirá os pagamentos recorrentes tras un período de proba de xeito automatizado, ou sexa, que os usuarios terán que aprobar activamente a contratación do servizo de pagamento.
MasterCard esixirá que aos seus usuarios, tras un período de proba, se lles remita unha comunicación indicando o custo de transacción, a data de pagamento e instrucións explícitas sobre como cancelar a proba, tendo tamén que remitirse un recibo por cada pagamento, xunto coas instrucións de cancelación.
No concepto as operacións tamén será preciso que se inclúa o enderezo web (ou o número de teléfono) do servizo contratado.
Con todas estas medidas MasterCard quere que as probas de balde sexan unha ferramenta lexítima e transparente.

ACTUALIZACIÓN: Finalmente MasterCard editou a publicación na que anunciaban as novas medidas de protección dos seus usuarios e matizaron que ás subscricións non se referían a servizos, senón unicamente a produtos físicos, polo que o impacto sería practicamente nulo.

PUBLICIDADE