Mastodon muda a súa estrutura organizativa

martes, 18 de novembro do 2025 Redacción

Mastodon, a plataforma social descentralizada que se converteu nun referente do chamado Fediverse, anunciou unha profunda reestruturación organizativa e a entrada dun novo equipo directivo. O fundador Eugen Rochko deixa o cargo de CEO para asumir un papel de asesor estratéxico, mentres se consolida unha dirección plural que busca garantir independencia e sustentabilidade a longo prazo.
Felix Hlatky será o novo director executivo. Implicado no proxecto desde 2020, ten como obxectivo ampliar a base de usuarios e simplificar a xestión de servidores, ademais de asegurar a viabilidade financeira da plataforma. Renaud Chaput, que xa exercía como CTO, pasa a ser director técnico. O seu labor céntrase en fortalecer o equipo de enxeñaría e acelerar o desenvolvemento de novas funcionalidades. Hannah Aubry, con experiencia en programas de comunidade e software libre, asume a dirección de comunidade e de confianza e seguridade.
O equipo complétase cunha dirección ampliada na que Rochko actuará como asesor de produto e estratexia, Andy Piper continuará como responsable de comunicacións e Philip Schröpel como xefe de gabinete.
Outro dos anuncios clave é a creación dunha nova entidade europea sen ánimo de lucro, en forma de AISBL con sede en Bélxica, que será o fogar institucional de Mastodon. Mentres tanto, a organización continúa operando a través da gGmbH alemá e da fundación estadounidense 501(c)(3), que serve de soporte para recadación de fondos e xestión de activos.
Mastodon insiste en que o seu obxectivo segue intacto: garantir que os espazos sociais en liña pertenzan á xente e non ás corporacións. A plataforma chama á comunidade a implicarse tanto con achegas creativas como económicas para construír espazos dixitais abertos, seguros e gobernables.