Mattel incorpora NFC aos novos Hot Wheels

venres, 14 de xuño do 2019 Marcus Fernández

Mattel anunciou hoxe o lanzamento de Hot Wheels id¸ unha nova xeración de coches de xoguete que mesturan o físico co dixital, xa que os vehículos en miniatura integran unha etiqueta NFC que os rapaces poden escanear para poder facer un seguimento real dos datos rexistrados polo coche, o que permitirá por fin saber con exactitude que vehículos son os máis rápidos.
Esta nova colección de Hot Wheels está composta polo momento por 7 coches co sen identificador NFC, un Race Portal (que escanea os identificadores dos coches e transmite os seus datos á aplicación móbil dispoñible polo momento para iOS) e o Hot Wheels id Smart Track Kit (unha pista completa para gozar desta nova experiencia).
A aplicación móbil de Hot Wheels id serve de garaxe virtual dos vehículos que coleccionemos, gardando as estatísticas detalladas dos mesmos, así como tamén propón centos de desafíos e carreiras dixitais para favorecer a diversión con esta nova colección que polo momento só está á venda nos EE.UU: a un prezo de 6,99 dólares o vehículo, 39,99 dólares o Race Portal e 179,99 dólares a pista completa.

A pista completa de Hot Wheels id véndese nos EE.UU: a un prezo de 179,99 dólares

PUBLICIDADE