Mattel integrará a IA nos seus produtos da man de OpenAI

venres, 13 de xuño do 2025 Marcus Fernández

A compañía xogueteira Mattel vén de anunciar unha alianza estratéxica con OpenAI co obxectivo de desenvolver experiencias e produtos baseados na intelixencia artificial empregando marcas icónicas como Barbie, Hot Wheels ou Fisher-Price.
Esta colaboración permitirá deseñar e lanzar novas formas de xogo alimentadas por ferramentas como ChatGPT, especialmente pensadas para público infantil e familiar. Mattel, con máis de 80 anos de traxectoria, reforza así o seu compromiso coa adopción de tecnoloxías emerxentes para fomentar a creatividade e o compromiso dos seus fans.
Ademais do desenvolvemento de produtos para o mercado, Mattel incorporará tecnoloxía de OpenAI nos seus procesos internos, desde a creación e deseño ata a xestión de marcas e comunicación co público, impulsando unha transformación que busca optimizar a produtividade e estimular a creatividade do seu equipo.
Os primeiros produtos froita da colaboración entre Mattel e OpenAI anunciaranse este mesmo ano.