MeLiSA achega as TIC e o software libre ao Centro Penitenciario de Teixeiro

luns, 18 de novembro do 2013 Redacción

O Programa Voluntariado Dixital da Xunta e a Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLiSA), entidade colaboradora do Programa, poñen en marcha hoxe en Teixeiro (A Coruña) o cuarto dos obradoiros da iniciativa Tecnoloxía e Software Libre nos Centros Penitenciarios Galegos. O proxecto, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías e o software libre a 70 reclusos dos centros penitenciarios existentes en Galicia.
Tras arrancar en xullo no Centro Penitenciario de Monterrroso, no mes de outubro nos Centro de Inserción Social (CIS) Carmen Avendaño de Vigo e no Centro de Inserción Social de A Coruña Carmela Arias y Díaz de Rábago, e no mes de novembro no Centro Penitenciario de Bonxe, o programa continúa agora no Centro Penitenciario de Teixeiro, no que 12 internos recibirán formación en TIC e software libre. O obxectivo desta iniciativa é promover a inserción laboral dos asistentes, ofrecéndolles formación eminentemente e práctica no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación TIC e do software libre.
As sesións formativas deste segundo obradoiro desenvolveranse entre o 18 e o 28 de novembro, dúas semanas de luns a xoves, e estará a cargo dun voluntario da Asociación Usuarios de Software Libre MeLiSA, que compartirá o seu coñecemento cos internos.

PUBLICIDADE