MeLiSA comeza en Monterroso a sexta edición da súa formación en software libre para reclusos

venres, 14 de febreiro do 2020 Redacción

JPEG - 50.6 KB
Imaxe dunha das actividades formativas impartidas por MeLiSA

A comunidade de MeLiSA, a asociación de software libre de Melide, informou do comezo da sexta edición do programa para formar en programas libres aos reclusos dos centros penitenciarios da nosa terra. Segundo lembraron os voluntarios do colectivo, a iniciativa arrancou en 2013 como parte das actividades que leva a cabo a entidade para a difusión das tecnoloxías sen cancelas a diferentes sectores sociais da nosa Comunidade. Nestes últimos anos foron realizadas diferentes obradoiros en cada un dos centros penitenciarios de Galicia, así como nos centros CIS de Vigo e A Coruña.
Na presente edición, que comeza este venres 14 de febreiro no Centro Penitenciario de Monterroso, vanse impartir aqueles contidos necesarios para os exames da certificación galega de competencias dixitais (CODIX) que se promove dende a axencia AMTEGA.
Ao abeiro da cita que comeza hoxe, un grupo reducido de internos vai recibir formación no manexo dos aplicativos LibreOffice Writer e LibreOffice Calc. Nesta ocasión, o responsábel desta formación será o voluntario de MeLiSA, Rafael Rodríguez Gayoso, que se vai apoiar nos recursos que se puxeron en marcha en anos anteriores, tales como a Aula de Informática da UTE, ou a plataforma de teleformación (Moodle) que nesa mesma aula está dispoñíbel.
O programa de MeLiSA forma parte das actividades que a asociación realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2020 da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE