MeLiSA organiza este sábado o seu segundo roteiro de Abeancos.gal

xoves, 1 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

MeLiSA, a Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide vai organizar este 3 de agosto a segunda edición do seu Roteiro de Abeancos.gal, destinado a poñer en valor o rico patrimonio cultural da comarca de orixe da asociación, amais de mostrar os obxectivos e metodoloxías do proxecto Abeancos, un catálogo dixital aberto e participativo de elementos patrimoniais presentes na área na devandita bisbarra. “Todos eles”, explican as entidades responsábeis de Abeancos.gal, “documentados, clasificados e xeolocalizados con mapas libres”.
A nova cita será como dixemos este sábado 3 de agosto en horario de 10.00 a 17.30 horas. A través deste roteiro, os participantes terán a oportunidade de visitar varios elementos xa catalogados no proxecto e coñecerán como se fai este labor de catalogación con outros obxectos, lugares ou monumentos que estean pendentes de rexistrar. Tamén terán ocasión de afondar en proxectos libres de localización como OpenStreetMap e abordar conceptos sobre cartografado empregando ferramentas dixitais.
Estes son os elementos patrimoniais que se visitarán:
· Muíño do Estreito
· As pontellas de arriba
· Nacemento do Furelos
· Cruceiro de Brañas
· Iglesia de Brañas
· Castro da Armada
· Pasais das Barxas
· Fonte das Barxas
· Muíño das Barxas
O roteiro é de balde, de dificultade pequena no que poden participar adultos e nenos a partir de 7 anos (acompañados dun adulto), pero é necesaria a inscrición previa enviando un correo a: info@melisa.gal.
Máis detalles do proxecto
Abeancos.gal foi presentado en maio de 2016 no Museo da Terra de Melide e da man de MeLiSA en colaboración co Museo da Terra de Melide, que facilita a consulta a través da Internet de parte do catálogo patrimonial co que conta a área da cerna de Galicia, empregando contidos con licenza libre.
Polo que respecta ao nome do proxecto, Abeancos.gal, é unha recuperación da denominación da antiga delimitación da Terra de Melide. O catálogo repártese nas categorías de arquitectura civil, arquitectura relixiosa, arquitectura industrial, arquitectura popular, elementos arqueolóxicos, paisaxe mítica, cruceiros e pontes (obtendo os 2 últimos unha categoría de seu debido á súa significación individual).
Cada elemento recolle unha ficha descritiva onde consta a súa categoría, o seu estado de conservación, a súa localización, a súa descrición, unha fotografía e incluso un ficheiro coas lendas naqueles elementos que teñen algunha asociada. Este elementos tamén están localizados xeograficamente a través do mapa libre OpenStreetMap, á vez que todos estes contidos seguen unha política de datos abertos.

PUBLICIDADE