MediaMarkt abre este mes de setembro a súa sede de Compostela

martes, 12 de setembro do 2017 Redacción

Tal e como anunciamos dende Código Cero os meses pasados, a empresa de electrónica de consumo MediaMarkt ten entre os seus plans inmediatos abrir sede en Santiago de Compostela, concretamente a través dun establecemento da marca. A data de apertura está prevista para o 21 deste mes de setembro, estando arestora ultimando o proceso de selección do seu persoal, cun total de máis de 1.500 currículos recibidos e 500 candidatos entrevistados. Emporiso, cómpre salientar que para este complexo proceso apostouse polo compromiso social e a loita contra as fendas laborais, contándose coa colaboración de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), incorporando así ao equipo de MediaMarkt a persoas con características funcionais, motrices e cognitivas diversas.
A dita compañía, que xa contratou a máis de 70 profesionais neste seu novo establecemento galego, contou tamén coa achega da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, quen puxo a disposición de MediaMarkt a súa bolsa de emprego.
Indo ao miolo destes profesionais, entre eles figuran catro nacionalidades diferentes e máis da metade dos empregados pertencen á área metropolitana da cidade compostelá abranguendo diversas funcións que van dende a atención e servizo ao cliente en todos os seus eidos, até perfís de xestión de mercadoría e distribución.
Engadir que con este novo establecemento, a compañía creará 20 postos de emprego indirectos.

PUBLICIDADE