MediaTek presenta a súa solución para levar a dobre SIM 5G a móbiles de gama media

martes, 18 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Aínda que inicialmente entendíase que a incorporación da conectividade 5G nun smartphone supoñía un sobrecusto duns 100 euros, ese marco parece limitado a dispositivos con procesadores Qualcomm de alta gama, xa que os procesadores Dimensity de MediaTek están a mudar substancialmente a situación, e así temos como en China poden gozar de terminais como o Realme V5 5G que con 6 GB de RAM, 128 GB de almacenamento, batería de 5.000 mAh con carga rápida de 30 watts e un procesador Dimensity 720 véndese por só 1.899 iuans (169 euros), o que hai uns meses parecería imposible.
Para continuar avanzando nesta liña MediaTek presenta agora o procesador Dimensity 800U, que consegue un bo rendemento e mantén un prezo axustado para chamar á súa integración en móbiles de gama media, e como principal reclamo para o seu uso está o feito de que soporta conectividade 5G para dobre SIM, atendendo así a unha demanda moi frecuente en moitos territorios afeitos a poder empregar varios operadores (por mor da disparidade de coberturas) ou para poder levar nun único dispositivo a liña móbil persoal e a do traballo.
O MediaTek Dimensity 800U está fabricado nun proceso de 7 nanómetros, conseguindo un bo desempeño minimizando o consumo enerxético, ten 8 núcleos (2 procesadores A76 a 2,4 GHz e 6 procesadores A55 a 2,0 GHz), unha gráfica Mali-G57, unha unidade de procesamento específica para intelixencia artificial (APU) e soporte para memoria RAM LPDDR4x. Tamén soporta pantallas Full HD+ a 120 Hz, así como o estándar HDR10+; pode controlar cámaras de até 64 Mpíxeles (e configuracións de cámaras traseiras cuádruplas) e tamén conta con optimizacións para asistentes de voz e tecnoloxía de redución de ruído para dispositivos con dobre micrófono.
Estamos ante un procesador moi interesante, que tardará meses en chegar ao mercado, pois aínda estamos a recibir moi lentamente aos resto de membros da súa familia (os procesadores Dimensity 720, 800, 820 e 1000), que poderían xogar un rol moi importante no futuro de Huawei agora que o fabricante chinés non pode fabricar novas versións dos seus procesadores Kirin e ten atrancos para mercar procesadores de Qualcomm.

PUBLICIDADE