Medio Rural e AMTEGA achegan unha ferramenta para facilitar a rastrexabilidade dos produtos da madeira
luns, 28 de agosto do 2023
A
Xunta
de Galicia puxo a disposición da industria forestal unha ferramenta
gratuíta que permite etiquetar a rastrexabilidade (trazabilidade)
dos produtos da madeira mediante o uso da tecnoloxía segura
blockchain (cadea de bloques). FORTRA
é unha plataforma desenvolvida pola Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Axencia Galega da Industria
Forestal en colaboración coa Dirección Xeral de Planificación e
Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural.
Segundo
explican, a tecnoloxía blockchain ten entre outras vantaxes
asegurar que os datos non poden ser manipulados ou eliminados unha
vez son introducidos e asinados en cada elo da cadea, “o que ofrece
unha garantía de autenticidade e transparencia”. Isto “permite
que os produtos que empregan esta ferramenta podan acompañarse cunha
etiqueta que ofrece todo tipo de información sobre a orixe a e
transformación da madeira”, aclaran dende Medio Rural e AMTEGA,
engadindo que amais das características técnicas ou o cálculo de
valor na pegada de carbono, a etiqueta permite coñecer a orixe
exacta da madeira (lugar e referencia catastral), e proporcionar
ligazóns web coa localización cartográfica. Tamén informa sobre
especies, volumes, lotes, porcentaxe de uso de cada lote ou, no seu
caso, sobre a existencia dunha certificación forestal. A etiqueta
contén, así mesmo, unha relación de todas as operacións de
procesado e política de proximidade (Km 0).
O
obxectivo de FORTRA, apuntan, é “actuar como unha ferramenta de
mercado, de carácter comercial, que permita ao sector diferenciar o
seu produto e mellorar o seu posicionamento nos mercados nacional e
internacional”.
A
plataforma, avalada pola Xunta, permite a presentación dos produtos
da madeira de Galicia como produto de proximidade, cunha pegada de
carbono negativa, libre de deforestación e baixo parámetros de
xestión forestal sustentable e, no seu caso, certificado.
A
plataforma FORTRA foi unha das boas prácticas seleccionadas polo
proxecto europeo Wood Circus do programa Horizonte 2020 da UE que ten
como obxectivo principal promover as cadeas de valor baseadas na
madeira como parte clave dunha biocoenomía circular en Europa. Foi
tamén un dos proxectos finalistas dos Blockchain Alastria Awards
2023.
O
proxecto deriva do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 e iniciouse
cunha primeira fase piloto no 2020. Na actualidade está en fase
progresiva de implantación e conta con 12 empresas activas na
plataforma (ás que desde a Xunta de Galicia se acompañou e apoiou
para a incorporación á ferramenta) e a traza de 153 produtos.
Recibiu preto de 5.500 consultas de rastrexabilidade por parte de
máis de 1.600 persoas usuarias. O cálculo de CO2 retido é de cerca
dun millón de quilos.