Medio Rural quere combater o despoboamento do Courel e Os Ancares cun acceso á Rede en boas condicións

luns, 19 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

Imaxe do Courel, vista no caderno de Franes en FlickrA Galiza que se está quedar despoboada ou que corre máis risco de estalo nun futuro próximo coincide nos mapas coas zonas da nosa terra que aínda non teñen un acceso en boas condicións á Sociedade do Coñecemento. Achegar no posible as redes a estes lugares moi probablemente non sería a solución integral a tódolos problemas, pero si que podería contribuír a que unha parte da mocidade que pode traballar ou estudar a distancia bote raíces máis fondas nestes espazos até o de agora excluídos da sociedade dixital. Asemade, incrementaría a competitividade das empresas que xa existen. Neste senso, Medio Rural vén de anunciar unhas medidas para levar as redes ó Courel e ós Ancares que, ben encamiñadas, poderían contribuír a frear o despoboamento e mesmo a xerar riqueza. Segundo informou os días pasados Europa Press, a xeralización do acceso a Internet nestas comarcas da provincia de Lugo constitúe o miolo dun plan de impulso económico e social da devandita Consellería, e que comezará a dar os seus froitos este ano 2007.
No que respecta a esta aposta polo dixital en concreto, cómpre sinalar que non só incluirá o despregue técnico da infraestrutura propiamente dita (tecnoloxía Wimax, que ofrece máis e mellores posibilidades de cobertura en zonas de orografía accidentada), senón que tamén se organizarán actividades formativas encamiñadas a familiarizar ós veciños co manexo dos computadores, coas posibilidades do teletraballo e con servizos de uso común (alí onde hai redes) como por exemplo o correo electrónico. Asemade, o plan de Medio Rural inclúe a posta en marcha de puntos de información e de acceso a Internet no camiño de Santiago e, tamén, o desenvolvemento de actividades formativas relacionadas co dixital en colexios da zona, entre as pequenas e medianas empresas e entre os propios traballadores.
O proxecto completarase cun proxecto de detección de incendios a distancia e outro de vixilancia ambiental. Asemade, Medio Rural está a valorar a posibilidade de tirarlle rendemento ás redes da información que se vaian habilitar para poñer en marcha unha serie de medidas que incrementen a calidade de vidas das persoas maiores das persoas discapacitadas, concretamente a través do Programa Asisto, que posibilitaría a atención médica a distancia.

PUBLICIDADE