Medio cento de mozas e mozos formáronse en Ames nos segredos da mercadotecnia dixital

luns, 24 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

A mocidade de Ames recibiu este pasado outono unha importante formación nas metodoloxías e recursos que de seguro terán que empregar no futuro para traballar, investigar e seguir formándose. Estamos a falar do ciclo Máis que 2.0, desenvolvido pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello durante os meses de novembro e decembro, poñendo o foco en abrir vieiros de autonomía e adestramento tecnolóxico para a xuventude local. O ciclo, moi centrado no manexo das novas tecnoloxías e das ferramentas web de meirande utilidade, incluíu un obradoiro sobre mercadotecnia dixital e outro sobre emprendemento xuvenil.
O primeiro deles foi impartido na Aula CeMIT, da Casa da Cultura de Bertamiráns, e incluíu formación sobre visualización en buscadores, blogs, boletíns, afiliacións ou banners, as principais funcións dun comunnity manager, o deseño e a presenza nas redes ou a creación dun plan de mercadotecnia en liña. Polo que respecta ao segundo, realizouse en varias sesións no IES de Ames para o alumnado de 4º de ESO e 2º de Bacharelato, introducindo aos participantes en nocións básicas de emprendemento, nos aspectos legais de converter en realidade un proxecto de mercado, na planificación empresarial e nas principais características e fitos dalgunhas das iniciativas innovadoras máis salientábeis do mercado galego: aplicacións móbiles, plataformas tecnolóxicas e ideas innovadoras con premios e recoñecementos. En total participaron 46 mozos e mozas de Ames.


PUBLICIDADE