Medio cento de nenas e nenos de Vigo participaron en Telecomunicación na xornada Elas Fan TIC
luns, 24 de febreiro do 2025
Algo máis de medio cento de nenas e nenos vigueses visitaron o pasado venres o Campus de Vigo para celebrar na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación o Día Internacional da Muller e a Nena nas TIC, iniciativa de sensibilización impulsada pola Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT) destinada a fomentar as vocacións tecnolóxicas nas nenas e mozas e a reducir a fenda dixital de xénero. A cita, que na UVigo celébrase baixo o lema Elas Fan TIC, acostuma a celebrarse o último xoves de abril, pero por motivos de calendario dos colexios e da propia escola nesta ocasión adiantouse a este pasado venres.
Coordinados pola profesora Soledad Torres, enlace de Igualdade da escola, e patrocinados pola Cátedra Indra-Uvigo en enxeñaría e tecnoloxía, as nenas e nenos de 5º e 6º de primaria do Colexio Javier Sensat asistiron a dous obradoiros de programación e robótica dirixidos por alumnas e alumnos da escola. Foi, en palabras da UVigo, “unha oportunidade para aprender a programar e para achegarse á robótica e, ao mesmo tempo, e sobre todo, tomar conciencia, desde ben pequenas e pequenos, de que a tecnoloxía non entende de xénero, que todas e todos poden chegar a desenvolver con éxito unha carreira no sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación”.
De impartir os talleres encargouse un grupo de voluntarias e voluntarios da escola, con Laura Pardo á cabeza, estudante de último curso, que mostrou a súa satisfacción por participar na iniciativa e recoñeceu que sempre tivo claro que quería estudar enxeñaría: “Na miña familia xa era unha titulación coñecida, ben Telecomunicación, ben ciclos superiores relacionados, polo que non tiven dúbidas, e sempre tiven un apoio incondicional, tanto das miñas compañeiras como dos meus compañeiros”.
Na actualidade as alumnas representan o 20% do total de alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, unha cifra na Escola salientan que “está en sintonía coas diferentes estatísticas que amosan o baixo interese das mulleres para optar por titulacións universitarias relacionadas coas TIC e, en consecuencia, tamén no mundo laboral”.