Medio cento de persoas asistirán ás xornadas sobre toponimia e TIC de Ames

martes, 17 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

Esta semana toca falar de nomes de lugar e das posibilidades das novas tecnoloxías para recuperalos, rexistralos, reivindicalos, mostralos e deixalos vivos para a posteridade. Dito doutro xeito: toca falar da tecnoloxía como antídoto do esquecemento. Todo isto vén a conto para avanzar os detalles das xornadas de toponimia que comezan mañá en Bertamiráns (Ames) e se desenvolven, tamén, os días 19 e 30 de setembro. Nos encontros, organizados polo Concello de Ames e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, participarán uns 50 docentes, que terán a oportunidade de achegarse á máis que interesante confluencia que xurde entre os nomes de lugar e as TIC. Por certo que o número de prazas inicial era de 40, pero foi preciso ampliar o número pola demanda xerada.
O obxectivo das sesións é achegar a importancia dos nomes de lugar ao eido da docencia, poñer o foco no valor educativo de documentalos e botar luz sobre os diferentes recursos TIC dos que se poden botar man para o traballo de visualización e rexistro toponímico.
O acto de apertura das I Xornadas de Toponimia celebrarase este mércores, 18 de setembro, ás 16.30 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Intervirán o alcalde de Ames, José Miñones, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, e o secretario da Rea Academia Galega e coordinador do Seminario de Sociolingüística, Henrique Monteagudo.
Nun plano máis concreto, nestas xornadas achegaranse nocións sobre os conceptos básicos de toponimia (orixe dos nomes de lugar, clasificación, recollida, usos…); divulgación da toponimia amesá; recursos bibliográficos e tecnolóxicos para traballar cos nomes de lugar; aplicacións didácticas da toponimia en áreas como coñecemento do medio, historia, TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), educación física, lingua...; utilidades da toponimia como ferramenta de normalización lingüística; e propostas para traballar coa toponimia en educación infantil, primaria, secundaria e bacharelato.
Alén da base teórica das diversas intervencións, as xornadas serán “fundamentalmente prácticas” e a través delas achegaranse propostas para traballar coa toponimia desde diferentes áreas e niveis co obxectivo de que xurdan proxectos colaborativos que “impliquen e estimulen a comunidade amesá no proceso de normalización lingüística”.

PUBLICIDADE