Medio cento de persoas participan esta semana na formación anti-fenda dixital de FADEMGA

mércores, 25 de outubro do 2023 S. P.

Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela son as tres cidades nas que se imparte a máis recente formación co-impulsada pola federación galega FADEMGA e centrada na eliminación da fenda tecnolóxica entre colectivos de persoas con diversidades cognitivas: Adquisición de Competencias Dixitais para persoas con Discapacidade Intelectual. Durante esta semana, as persoas participantes (medio cento de alumnas e alumnos) poderán comezar a desfrutar dun paquete de recursos que lles servirá de ferramenta para continuar coa formación.
Así, explica FADEMGA, o alumnado xa conta cun manual que recolle tódolos contidos que se abordarán durante curso a modo de consulta. Tamén recibiron un bolígrafo habilitado para utilizar nas pantallas táctiles, así como un protector para cubrir a cámara dos computadores. Ademais, nas sesións terán os seus propios auriculares e un pendrive para gardar os documentos que elaboran nas sesión.
Esta actividade do proxecto Transformación Digital para a Inclusión, no que colabora FADEMGA Plena inclusión Galicia, chegará á súa fin este 13 de decembro. A Asociación ASPANAEX de Vigo recibe a súa formación tódolos luns, de 10:00 horas a 14:00 horas, co obxectivo de capacitar a este colectivo de habilidades dixitais para facer que a tecnoloxía sexa máis accesíbel e igualitaria. A maiores, búscase mellorar a metacognición, autonomía e sociabilidade das persoas participantes con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.
Transformación Dixital para a Inclusión é unha aposta coordinada por Plena Inclusión España e o Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno, e amparado polos fondos europeos Next Generation.
FADEMGA Plena inclusión Galicia, é a Federación de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual, que conta en la actualidade con 41 entidades galegas federadas.

PUBLICIDADE