Medio cento de xuristas de catro países afondan na UVigo nos retos dixitais do Dereito
luns, 26 de maio do 2025
Medio cento de xuristas de catro países (Brasil, España, Portugal e Italia) debaten este luns e martes (26 e 27 de maio) no IV Foro Xurídico Ibero Brasileiro os “desafíos inéditos” que supón para o Dereito a transformación dixital que atravesa a sociedade actual. Por cuarto ano consecutivo, esta cita converte á Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da UVigo en punto de referencia das relacións entres xuristas españois, portugueses e brasileiros.
No arrinque do evento coincidiron a secretaria xeral da Universidade de Vigo, a tamén xurista María José Bravo Bosch; o decano da facultade, Francisco José Torres; a reitora da Universidade do Estado de Bahia, Adriana Marmori, e os directores do foro: os docentes da Universidade de Vigo, Juan Antonio Hernández Corchete e María Hylma Alcaraz Salgado, e o profesor da Universidade de Bahia Clodoaldo Silva da Anunciação.
Tal e como explicaron os responsables do encontro, as tecnoloxías emerxentes como a Intelixencia Artificial, o recoñecemento de emocións por parte de máquinas ou a automatización de decisións “están a alterar a maneira na que as persoas interactúan entre si, traballan e se relacionan”, e “o Dereito non pode permanecer estático ante este novo escenario, moi polo contrario cumpre un rol central: dar forma, contido e límites ás novas situacións xurídicas que emerxen no espazo dixital”.
Os organizadores do encontro sinalaron que o Dereito “debe brindar un marco normativo que permita que a innovación tecnolóxica conviva coa protección de dereitos e principios fundamentais”.
Engadiron tamén que “o espazo dixital non é un territorio sen regras, senón un ámbito que require ser pensado e estruturado xuridicamente, para que a tecnoloxía se poña ao servizo das persoas e non ao revés”, en palabras de María Hylma Alcaraz.
Nesta edición o foro acolle once mesas de traballo divididas en eixes temáticos -cuestións sociais, administración pública, corrupción, xénero, tributos...- . Serán en total 40 relatorios.
A sesión inaugural correu a cargo do catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela, José Julio Fernández Rodríguez, delegado de protección de datos da USC e director do Centro de Estudos de Seguridade, que afondou nos desaxustes entre a normativa de protección de datos e a IA; e de Carlos Eduardo da Silva Camillo, maxistrado do Tribunal de Xustiza de Bahia, que se meteu de cheo nos desafíos que supón a IA para o Dereito Internacional e os dereitos humanos.