Medio milleiro de fotografías participan no 8ª Certame Imaxes do Patrimonio convocado por PNO!

mércores, 16 de xullo do 2025 S. P.

Arredor de medio milleiro de fotografías antigas e varias ducias de podcasts foron recibidas e admitidas á oitava edición do Certame Imaxes do Patrimonio convocado por Ponte... nas Ondas!, unha vez pechado o prazo a finais do mes de xuño. Escolas de Barcelos, Porto, Monção ou Póvoa de Varzim, en Portugal, ou de Ponteceso, Ferrol, Negreira, Ordes, Foz, Mos, Santiago de Compostela, Vigo ou Noia, entre moitas outras localidades de Galicia, enviaron mostras dos seus traballos nas aulas co patrimonio inmaterial.
A proposta consistiu en recuperar fotos antigas que posúen as familias, dixitalizalas e redactar un texto relacionado coa imaxe. Ao mesmo tempo buscouse fomentar o traballo en familia para permitir que a xente nova coñeza moitos aspectos do patrimonio cultural que se encontra documentado nas fotografías familiares. “E é que con estas imaxes accédese a unha boa parte de expresións culturais que xa desapareceron ou que xa son descoñecidas polas novas xeracións”, explican dende PNO, engadindo que “as imaxes dos álbums familiares conteñen moitas destas manifestacións e vivencias que poden ser descoñecidas polo alumnado dos centros educativos”.
Ademais, desde a cuarta edición do certame, o alumnado pode tamén elaborar podcasts sobre as imaxes. Trátase dun recurso de participación engadido, a través do que o alumnado terá a oportunidade de preguntarlles ás persoas relacionadas coas fotografías, familiares, veciñanza etc, sobre as instantáneas e o seu contexto.
Un alambique ambulante por terras de Amandi, a primeira fábrica de gaseosas do concello de Laza a comezos do século XIX, unha estampa da vendima, un tataravó palangreiro en terras do Barbanza, ou un concurso de vestidos de bonecas nos anos 50 do século pasado, foron exemplo das estampas gañadoras o ano pasado, todas elas con grandes historias que as acompañaban.