Medra a dotación tecnolóxica dos centros de FP

martes, 27 de agosto do 2024 Redacción

A Xunta inviste neste novo curso escolar 2024-2025 case 6 millóns de euros en equipamento para os centros que imparten ensinanzas de FP. Anunciouno esta mañá o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nunha visita ás obras de ampliación do Instituto IES Manuel Chamoso Lamas, no Carballiño, un dos 140 centros beneficiados desta dotación de material. Neste centro a achega é de 64.000 euros para un paquete de dotación que inclúe unha equilibradora e unha desmontadora de rodas, un equipamento de ensaio mediante ultrasóns ou un brazo de robot colaborativo con controladora, entre outra maquinaria.
O titular do departamento educativo do Goberno galego salientou que este orzamento “supón un incremento de 4,3 millóns de euros respecto ao ano pasado, é dicir, que multiplicamos practicamente por catro o orzamento para esta partida. Tamén sinalou que a FP, cada vez máis especializada, “demanda espazos máis tecnificados e tecnoloxías punteiras, polo que aumentan os centros que contan con simuladores ou xemelgos dixitais, tanto nos seus talleres como en espazos como a rede de 80 aulas de tecnoloxía aplicada”.
A dotación de maquinaria enmárcase na Estratexia FP Galicia 2030 e no Plan Innova FP Galicia, follas de ruta da Xunta para que modelo de FP galego acade novas cotas de éxito, que establecen a tecnificación e equipamento dos centros como unha prioridade.
O material distribuído entre os centros de FP inclúe todo tipo de maquinaria e instrumentos para dar resposta ás necesidades dos ciclos formativos das diferentes familias profesionais. Inclúense, deste modo, distintos tipos de tornos, robots móbiles autónomos, cizallas para chapa, fresadoras de torreta, equipos de infravermellos, unha cabina de despolvorización de operarios, unha fundidora dental electrónica por indución, unha ducha vichy, maquetas de vehículos con propulsión eléctrica ou sistemas de climatización e de purificación de auga, entre outros.
Tamén aparellos de menor envergadura, como manequíns para prácticas de reanimación cardiopulmonar, envasadoras ao baleiro, cortadoras, maquetas de circuítos eléctricos, bancos de traballo, cascos...