Medra a familia LinkBuds de Sony
martes, 1 de outubro do 2024
Sony está a ampliar a súa liña LinkBuds (nacida en 2022 cuns auriculares con deseño aberto moi orixinais) cos auriculares LinkBuds Fit e LinkBuds Open e o altofalante LinkBuds Speaker.
Os auriculares LinkBuds Fit prometen unha comodidade sen rival, cuns soportes con cámara de aire e soportes de axuste, un control impecable do ruído e do son de ambiente (integra a mesma tecnoloxía de cancelación de ruído que os auriculares WF-1000XM5) e diferentes cores. Buscan ser uns auriculares ideais para o uso diario, soportan conexión multipunto, poden controlarse con xestos da cabeza, integran control por voz, teñen Bluetooth 5.3 e resistencia á auga IPX4 e a súa batería achega até 21 horas de reprodución en total. Sairán á venda a un prezo de 199 euros.
Vídeo de presentación dos auriculares LinkBuds Fit
Volve o deseño aberto
Para quen busque unha experiencia máis conectada ao contorno temos os LinkBuds Open, que recuperan o deseño de anel aberto dos primeiros auriculares LinkBuds, e que buscan poder empregarse todo o día de xeito cómodo, con grande calidade sonora.
Contan con conexión multipunto, Bluetooth 5.3, resistencia IPX4 e unha autonomía de até 22 horas.
O seu prezo tamén será de 199 euros.
Vídeo de presentación dos LinkBuds Open
Altofalantes para unha mellor experiencia
Pero o máis curioso dos novos produtos de Sony é que houbese uns altofalantes sen fíos compartindo marca, o LinkBuds Speaker, que anima a levar a música a calquera parte, conta con función de chamada, ten resistencia IPX4, a súa versión de Bluetooth é a 5.2 e a súa batería ofrece unha autonomía de até 25 horas.
O seu prezo é de 159 euros, e o seu atractivo radica nas súas posibilidades de integración cos auriculares LinkBuds (xa que pode alternarse a reprodución entre os dispositivos de xeito automático).
Vídeo de presentación do LinkBuds Speaker