Medra en máis dun 51% o uso da IA nas empresas galegas

mércores, 22 de outubro do 2025 S. P.

A axencia autonómica AMTEGA analizou a enquisa sobre o uso das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) e do comercio electrónico nas empresas 2024/2025, publicada este mércores 22 de outubro polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e onde, segundo salienta a axencia, constátase o crecemento sostido das tecnoloxías innovadoras no tecido produtivo galego. En materia de Intelixencia Artificial nas empresas galega, o informe sinala que son xa o 15,7%, tras experimentar un crecemento do 51,1% no último ano. Medra tamén o uso da computación na nube (o Cloud Computing), que pasou do 31,5% ao 38,2% no mesmo período de tempo.
Outro dos indicadores do grao de dixitalización das empresas galegas é a incorporación dos especialistas TIC. “O 13,1% das empresas de máis de 10 empregados conta con este perfil profesional, un 4% máis no último ano, o que a converte a Galicia na novena Comunidade Autónoma con máis proporción de especialistas TIC no tecido empresarial”, salienta AMTEGA, destacando tamén o maior gasto en ciberseguridade por parte das empresas galegas: “No último ano os recursos destinados á seguridade TIC en Galicia achegáronse aos 126 millóns de euros, o que supón un crecemento do 23,6%, case o dobre que a media estatal”.
Por outra banda, o 30,9% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores permite o teletraballo e o 65,3% utilizan medios sociais na rede, o que as sitúa no oitavo lugar estatal.
O INE tamén destaca que o 85% das grandes empresas galegas dispoñen de páxina web. A maioría contan con descrición dos seus produtos e servizos (84,6%), e o 16% permite facer pedidos e reservas.
Amais, boa parte das empresas galegas de 10 e máis empregados, un 82,4%, usan o software libre, superando en máis dun punto media estatal. Delas, o 93,6% dispón de navegadores de código aberto, o 71,4% de aplicación ofimáticas, o 49,2% de sistemas operativos e o 45,6% software de seguridade.
O 75,2% das microempresas galegas ten conexión a internet, e destas, o 79,1% dispón de banda larga móbil, 3G ou superior. Das que acceden á rede, o 33,3% empregan medios/redes sociais con fins empresariais
Ademais, o 33,7% das empresas de menos de 10 traballadores ten páxina web.