Medra máis dun 8% o uso da sede electrónica da Xunta
luns, 30 de decembro do 2024
O Goberno galego, a través da axencia AMTEGA (Consellería de Facenda) fixo balance do uso e actividade da sede electrónica autonómica en 2023, ano no que rexistrou o inicio de 1.469.297 trámites, un 8,3% máis que o ano anterior. En total, 447.770 persoas (físicas ou xurídicas) empregaron esta canle no dito período para presentación de solicitudes, escritos ou comunicacións.
“Estas cifras constatan a consolidación da sede electrónica como o punto de entrada á Administración Electrónica”, confirmaron fontes de AMTEGA, engadindo que “a oferta de procedementos que poden iniciarse en liña continúa a medrar e, en 2023, había dispoñíbeis un total de 2.130, 161 máis que o ano anterior”.
A maioría dos trámites, un 50,6%, están dirixidos á cidadanía; o 29,7% son paras ás empresas; o 10% para entidades sen ánimo de lucro, e un 9,2% están dirixidos ás entidades locais.
Son datos do estudo A administración Dixital da Xunta de Galicia, publicado este luns 30 de decembro, e elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
No informe constátase que durante 2023 houbo 4.509.478 accesos á carpeta cidadá, preto dun 5% máis que en 2022 (a carpeta cidadá é o espazo persoal no que os usuarios teñen acceso aos seus datos, á situación dos seus trámites coa Administración e á xestión destes desde un único punto). Asemade, subiu tamén o número total de usuarios activos de Chave365, ata acadar os 1.511.441, o que supón un incremento de máis de 33 mil respecto ao ano anterior.
O documento sinala un crecemento do 14,1% das notificacións a través da plataforma notifica.gal, que sumaron 1.715.777. Ademais, en 2023, un total de 23.915 persoas contaban con tarxetas intelixentes de empregado público para a identificación e a sinatura electrónica. O numero de documentos asinados en liña en 2023 superou os 10 millóns, mantendo a tendencia ascendente dos últimos anos.
Respecto á presenza en Internet, no informe sinálase que o catálogo de redes sociais da Administración galega ascendía en 2023 a un total de 438 iniciativas, que suman un total de 3.060.619 seguidores, un 24,8% máis que no 2022. “O portal institucional da Xunta de Galicia recibiu o pasado ano máis de 13 millóns de visitas, cunha media de 470.103 visitantes mensuais distintos, que viron máis de 26 millóns de páxinas”, conclúe.