Medra nun 8% a taxa de galegos que optaron polas xestións en liña coa Xunta durante 2021

luns, 3 de xaneiro do 2022 S. P.

O Goberno galego fixo balance da actividade xerada polas galegas e galegos en materia de trámites en liña ao longo do ano que vimos de deixar atrás. En concreto, a Xunta informou de que o 85% da cidadanía que tivo que facer xestións coa Administración autonómica en 2021 optou por realizalas online. “Son máis dun 8% respecto ao ano pasado e preto dun 60% respecto a 2019”, infórmase no sistema de indicadores da Administración Dixital, accesíbel desde o Portal de Transparencia da Xunta.
O informe salienta igualmente o crecemento nos usuarios de Chave 365, o sistema que permite a identificación e a sinatura dixital de documentos na sede electrónica da Xunta: en 2021 figuran rexistrados 1,4 millóns de usuarios fronte aos 267.192 de 2020, “o que supón un incremento do 420%”.
Amais, as notificacións electrónicas, que o usuario pode recibir no móbil en lugar de en papel a través da caixa de correo, incrementáronse máis dun 37% no último ano pasando máis de 888.00 en 2019 a máis de 1,2 millóns en 2021.
Por outra banda, o sistema de indicadores constata que segue a medrar o acceso a sede electrónica da Xunta, pasando de 1 millón de accesos en 2020 1,1 millón en 2021. “Destaca especialmente o acceso á carpeta do cidadá da sede electrónica cuxo uso incrementouse nun ano en máis dun 94%”, explícase, engadindo que en 2020 rexistrou 2.229.959 accesos fronte aos 4.331.065 de 2021.

PUBLICIDADE