Medra o comercio electrónico en Galicia en todos os tramos empresariais

luns, 20 de xaneiro do 2020 Redacción

Estes días presentouse un novo informe autonómico que bota luz sobre o noso nivel de actividade en materia de comercio electrónico: uso, nivel de espallamento por sectores e por tamaño das empresas, situación comparativa, etc. A investigación, feita polo observatorio OSIMGA (da axencia AMTEGA) analiza a transformación dixital das empresas galegas, un total de 200.972, nas que o 96,3% son microempresas (ou sexa, de 0 a 9 traballadores). Segundo se fai saber na investigación, o ecommerce medrou en Galicia no último ano “en todos os tramos empresariais”.
De feito, tanto as firmas de máis de 10 traballadores como as de menos tiveron un nivel de actividade comercial en Internet por riba da media estatal. Amais, explícase no informe, “tamén no uso das redes sociais o tecido empresarial galego supera a media do conxunto do Estado”.
Comercio electrónico e presenza en Internet
A investigación fai saber que en 2019 o 22,9% das empresas de 10 ou máis traballadores da Comunidade venderon na Rede, 4,7 puntos máis que o ano anterior e 2,5 puntos por riba da media estatal.
Asemade, increméntanse as compras das empresas a través de Internet ao longo do último ano, cunha suba no caso das empresas de 10 ou máis empregados de 8,4 puntos.
O informe tamén guinda un dato moi interesante sobre os espazos web das nosas firmas: en 2019 aumentou tamén a presenza de páxina web nas empresas de 10 ou máis asalariados, do 77,1% ao 81,6%, superando ademais ao datos de empresas españolas que posúen web empresarial (78,2%).
En canto ás redes sociais máis do 98% das microempresas e máis do 96% da empresas galegas empregan algunha rede sociais, en ambos casos por riba da media estatal.
Gasto en TIC
A investigación do OSIMGA tamén achega información sobre o que deriva o noso tecido produtivo a costear a súa transformación dixital: o gasto total en TIC das empresas galegas acadou os 408 millóns de euros, o que implica un incremento de 44 millóns, especialmente no referente a servizos e consultas relacionadas coas TIC, seguido do gasto en software e do investimento en bens TIC.
Aumento da banda larga móbil e da velocidade de conexión
Ao longo do ano que vimos de deixar atrás, a banda larga móbil experimentou “un medre significativo”, sinala o OSIMGA, que estende este proceso a “todas as empresas galegas”, pero especialmente ás de 0 a 9 empregados, onde aumentou 5 puntos porcentuais (chegando ao 77,2%). Nas de máis persoal supérase o dato nacional nas empresas que teñen 10 ou máis traballadores/as con sede ou actividade en Galicia, con un 86,7% das galegas fronte a un indicador da banda larga móbil en España do 84,1%. As velocidades de acceso á Internet de 100 Mbps ou superiores aumentaron 12,8 puntos porcentuais entre as microempresas (28,1%), e 12,4 puntos nas empresas de 10 ou máis traballadores / as (45,1%).
Big Data e formación
O informe do observatorio tamén confirma que durante o último ano o uso de tecnoloxías de análise de datos a gran escala (Big Data) nas empresas galegas de 10 ou máis empregados (10,3%), “foi superior ao das empresas españolas (8,3%)”. Amais, un 75,8% das microempresas emprega software libre para esta análise de información masiva.
Xestións coas administracións
A interacción das empresas galegas coas Administracións Públicas a través de Internet durante o último ano, supera, á marxe do tamaño da empresa, aos datos a nivel estatal. “No 2019”, sinálase na investigación, “incrementáronse as medidas de seguridade TIC utilizadas nas empresas, cun crecemento de 9,9 puntos nas de 0 a 9 traballadores e de 7,9 puntos nas empresas de 10 ou máis asalariados / as con sede ou actividade en Galicia”.

PUBLICIDADE