Medra o interese social pola ciencia en Galicia

xoves, 30 de maio do 2024 S. P.

O Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), vén de amosar o resultado do documento de traballo (xa dispoñíbel para a súa descarga na web da institución) Percepción social da ciencia e da tecnoloxía en Galicia, do que se tiran como conclusións que a ciencia e a tecnoloxía ocupan o noveno lugar entre os asuntos de interese para a cidadanía galega.
A evolución deste indicador nas dúas últimas décadas é positiva, aínda que decae con respecto a 2018 e Galicia está 2,3 puntos por debaixo da media española na evolución histórica.
Emporiso, o interese pola ciencia sitúase por debaixo da cultura, a alimentación, o consumo, a medicina, a saúde, a ecoloxía e o medio, pero por diante da economía, a política, os deportes e os temas de famosos.
Os datos extraídos polo Observatorio da Cultura Galega a partir da Encuesta sobre Percepción Social de la Ciencia y la Tecnología, da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), recollen tamén as asociacións espontáneas da cidadanía cando se fala de ciencia: asóciana a progreso, medicina, saúde e loita contra as enfermidades, aínda que tamén a que é aburrida e pouco interesante.
Valórase positivamente a profesión de científica/o, aínda que está por debaixo da dos profesionais de medicina, educación ou enxeñaría. Ademais, a valoración da profesión é menor en Galicia que no conxunto de España: o 37,2% dos galegos e galegas cre que a profesión investigadora compensa no ámbito persoal, fronte ao 55,9% dos españois. Tamén existe un gran consenso na percepción de que non está ben remunerada economicamente.
Os datos tamén apuntan a un menor interese pola ciencia en Galicia con respecto a España. En contraste, os galegos participan máis en actividades de divulgación. O 42,4% asegura visitar museos de ciencia, o 62,5% ve programas de televisión ou escoita espazos de radio sobre ciencia e o 37,4% le libros de divulgación científica.
O documento constata unha evolución positiva da percepción dos beneficios da ciencia. O 61,8% da poboación asegura que os beneficios compensan os ricos, e esta percepción é mellor cando se trata de facer fronte a enfermidades e de mellorar a calidade de vida e a conservación do medio. A enquisa tamén mide o impacto da Intelixencia Artificial, cuxos riscos e beneficios son percibidos con certo equilibrio. Con todo, o Observatorio advirte de que se aprecia unha tendencia a ver cada vez de xeito menos favorábel aplicacións concretas como a enerxía nuclear, a fractura hidráulica, a experimentación animal con fins médicos ou a robotización do traballo.
Melloran tamén os indicadores sobre cultura científica. Cada vez menos persoas dubidan de que consumir alimentos modificados xeneticamente non cambia o ADN humano ou de que o ser humano e os dinosauros nunca coexistiron. O informe salienta que “aínda hai porcentaxes relativamente altas de galegos e galegas que teñen ideas erróneas, como por exemplo que os antibióticos curan enfermidades producidas por virus (25,3%). Tampouco son indicadores positivos que un 31% da poboación raramente lea os prospectos dos medicamentos antes de usalos nin que un 16,3% crea que as vacinas son daniñas para as crianzas e que ese é un dato que se oculta deliberadamente”.
No estudo tamén se subliña que un 42% da cidadanía galega deixou de mercar ou mercou certos produtos por razóns éticas ou ambientais. Tamén se indica que sete de cada dez galeg@s ven o cambio climático como un problema serio ou moi serio.
Asemade, o estudo tamén recolle que un 66,6% dos galegos e galegas perciben que estamos máis atrasados en comparación co contexto europeo, un 24% máis do que en 2004. Por iso, a cidadanía demanda “un esforzo maior en investimentos adicados á ciencia”. Sobre quen debe facer ese esforzo económico, un 70% pensa que deben ser as empresas, os concellos e as deputacións; un 76,3%, a Xunta de Galicia, e un 81,1%, o Goberno de España. Dous terzos das persoas entrevistadas amósanse favorábeis a “incluír a ciencia nas súas doazóns económicas particulares”.