Medra o número de persoas que fai uso da plataforma dixital GaliciaLe
mércores, 27 de novembro do 2024
A Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia mantén a súa tendencia de crecemento de usuarios, préstamos e actividades que recuperou en 2021, tras o impacto que supuxo a pandemia. Así o reflicte o informe que analizou, entre 2019 e 2023, a evolución destes indicadores e que foi presentado este mércores 27 polo conselleiro de Cultura, José López Campos. A nivel tecnolóxico, no informe faise saber que medra o número de persoas que fai uso da plataforma dixital GaliciaLe, que nos últimos tres anos incrementouse nun 57,9 %, ata chegar a máis de 51.000 usuarios.
O responsábel de Cultura do Goberno galego puxo en valor os datos da plataforma en liña GaliciaLe que ofrece préstamo en liña de libros, revistas, audiolibros e películas en formato electrónico das bibliotecas pública galegas. Sobre este servizo, salientou “a moi boa tendencia na súa evolución”.
Así, explicou o crecemento da súa colección apunta “unha progresión en positivo” cun 67,16 % de incremento do número de material dispoñíbel nos últimos tres anos, ao rexistrarse unha colección dispoñible de 8.421, en 2021, aos 14.077 materiais aos que se podía acceder no pasado 2023.
De igual xeito, subliñou que o número de persoas usuarias “non deixou de medrar desde 2021, ano no que se contabilizaron 32.302 e que chegan a superar xa as 51.000 en 2023”.