Medra o uso da Wi-Fi nos albergues públicos de peregrinos

luns, 21 de xaneiro do 2019 Redacción

Durante o último ano os peregrinos que pasaron a noite nalgún dos albergues públicos do Xacobeo fixeron un maior uso da rede Wi-Fi gratuíta dispoñible nestes establecementos segundo reflicten os datos dos últimos 12 meses que recollen un incremento dun 148,32% no uso deste servizo, cada vez máis empregado polos peregrinos para completar información útil para a súa viaxe ou compartir a súa experiencia durante o Camiño de Santiago.
Xunto á rede Wi-Fi (que pasou de máis de 150.000 usuarios en 2017 a máis de 380.000 o ano pasado), tamén se rexistrou un moi bo comportamento doutras iniciativas enmarcadas no Plan Smart Camiño, desenvolvido conxuntamente pola Consellería de Cultura e Turismo e a AMTEGA para responder ás necesidades do peregrino do século XXI.
Así, medrou o número de usuarios da páxina web caminodesantiago.gal, que mantivo a súa curva de crecemento durante o ano e superou os 300.000, o que supón un incremento do 68,5%. Destaca especialmente o incremento de visitantes á paxina web procedentes de países como Italia, primeiro en consultas e que supón case o 20% do tráfico total. Séguenlle os usuarios de Portugal, Estados Unidos, Alemaña, Francia, Arxentina, Brasil ou México.
Estas iniciativas alíñanse coas medidas do Plan Director do Camiño de Santiago, a folla de ruta posta en marcha desde a Consellería de Cultura e Turismo que está a desenvolver numerosas melloras na Ruta Xacobea coa vista posta no Xacobeo 2021. Conta entre as súas liñas de acción co impulso ao desenvolvemento das TIC para facilitar a experiencia da peregrinación, como o uso da rede Wi-Fi ou a aplicación do Camiño, entre outras.

Medran ás visitas da web turística

Xunto a estes datos, tamén a páxina web informativa sobre a oferta turística rexistrou un notable incremento de visitantes durante o último ano. Pasouse de 1,8 millóns de usuarios a máis de 2 millóns, o que supón un aumento de case un 10%. Oito de cada dez usuarios da páxina web son españois, pero medran de xeito considerable varios países estranxeiros. É o caso de Portugal, en cabeza e que no último ano rexistrou unha suba de case o 40%. Séguenlle Italia, Estados Unidos, Francia, Alemaña, Reino Unido ou Arxentina.

PUBLICIDADE