Medran as protestas na Rede contra a caza do raposo

venres, 15 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

Malia os apoios oficiais que veñen de recibir os cazadores deportivos da nosa terra (entre outras cousas, a través dunha subvención de 170.000 euros á Federación Galega de Caza), os avais semellan medrar en proporción inversa ao rexeitamento que provocan estas prácticas na sociedade. Para comprobalo, non hai máis que botarlle unha ollada á Rede, onde é ben doado atopar repulsas cara ao campionato de caza de raposo que se vai celebrar en A Cañiza e cara a outros previstos para concellos como o de Portomarín, de moita sona pola gran cantidade de escopetas que se xuntan nos seus montes, unha boa parte delas (senón todas) despregadas sen control e co mérito de abater un raposo tras outro para logo acabar no lixo (os raposos, non as escopetas, como era de desexar). Vemos mostras claras de rexeitamento en Matarpormantarnon, en Vieiros, en Amigos da Terra, na web do Colectivo Ecoloxista do Salnés (onde se inclúe unha fotografía con cazadores e raposos e costa de verdade saber onde está a especie civilizada), na páxina de Equanimal (onde se convida á sabotaxe directa da caza), no sitio da FEG (Federación Ecoloxista Galega) ou no do colectivo Coto de Frade.
A listaxe semella interminable, ao igual que os emprazamentos de denuncia.
O que si que se repite é o apoio unánime ás protestas de esta fin de semana, previstas concretamente para este sábado e coincidindo coa celebración do campionato de caza de raposo programada na Cañiza, Pontevedra. Asemade, as webs e os cadernos están a facer fronte común para mobilizar aos usuarios da Rede o sábado 30 de xaneiro, no marco do novo campionato fixado para a dita xornada na zona de Portomarín, Lugo.
Por certo que ámbalas dúas citas arrancarán ás 8.30 horas nas ditas localidades co obxectivo de estender a mobilización ao monte e logo ás vilas mediante cadansúas manifestacións. Estes son os grupos convocantes. Por certo que dende Rebelión tamén se ofrece un interesante artigo sobre esta cuestión e a cargo de Julio Ortega.

PUBLICIDADE