Medran un 10% os fogares galegos conectados á Rede

luns, 31 de xullo do 2017 Redacción

Táboa na que se compara a penetración da Internet nos fogares galegos, españois e europeos

Os resultados do diagnóstico sobre A Sociedade da Información nos fogares galegos, que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), reflicte que o 78,6% dos fogares galegos contan con acceso a Internet contratado a través de banda larga, rexistrando un incremento de máis do 10% no último ano. Este crecemento acurta a distancia coa media estatal a 2,6 puntos porcentuais fronte os 6,4 puntos do ano 2015. Ademais, o crecemento de fogares con banda larga no período 2013-2016 en Galicia foi superior ao do conxunto do Estado e duplicou o incremento rexistrado na Unión Europea.
Así, a dispoñibilidade de banda larga é superior nos fogares que contan con nenos en idade escolar obrigatoria onde roza o 94%, máis de 15 puntos porcentuais por riba de media autonómica. O número de persoas que viven no fogar novamente afecta de maneira positiva á contratación de Internet, superando o 90% de fogares con Internet contratado cando residen 3 ou máis persoas. En canto ás velocidades, un 22,3% dispoñen de conexión de 30 Mbps ou máis.
Respecto ao hábitat, todos os núcleos de entre 10.000 e máis de 50.000 habitantes superan a media galega de fogares conectados con porcentaxes de entre o 79 e o 84%. Ademais, no último ano os núcleos máis pequenos experimentaron un crecemento significativo. As poboación de ata 5.000 habitantes pasaron dun 54,4% de fogares con banda larga a máis do 67%. No seguinte tramo de máis de 5.000 a 10.000 pasouse dun 65,3% a un 73,4%.
O uso de Internet continúa a incrementarse en todos os tipos de hábitat analizados, estando especialmente estendido nos concellos de máis de 50.000 habitantes, onde supera amplamente a media galega e acada unha porcentaxe do 81,9%. Nos concellos máis pequenos (menos de 5.000 habitantes) achégase a case o 60%.

Os galegos superan a media estatal e europea no uso da eAdministración

A porcentaxe de internautas galegos que interactuaron coas Administracións Públicas para obter información (66,7%) é superior á porcentaxe acadada a nivel estatal e europeo, concretamente, a media autonómica supera en 8,6 puntos porcentuais á media estatal e en 16,7 puntos porcentuais á europea.
En canto á descarga de formularios, a media galega incrementouse nun 6,2% durante o 2016, acadando o 59,9%. O 65,4% das persoas que utilizaron Internet nos últimos 12 meses, utilizárono para enviar formularios cumprimentados ás Administracións Públicas, situándose novamente por riba da media estatal e europea.
En relación ás compras a través da Rede, un 37,2% dos internautas galegos mercaron a través de Internet nos últimos tres meses. A adquisición de bens ou servizos en internet incrementouse nun 3,3% respecto aos datos do ano 2015.

PUBLICIDADE