Medran un 39% as vendas do comercio electrónico chinés durante o 11 do 11

luns, 13 de novembro do 2017 Marcus Fernández

O pasado sábado foi 11 de novembro, ou 11 do 11, o coñecido como día dos solteiros en China, celebración que pretendía converterse nunha alternativa ao San Valentín, pero que rematou converténdose no grande competidor na Rede do Black Friday, data á que superan sobradamente en facturación a nivel mundial, como demostraron unha vez máis dende o grupo Alibaba, que facturou un 39% máis que o ano pasado, precisando só 13 horas e 9 minutos para igualar as vendas do ano pasado.
En total o grupo Alibaba (GMV) facturou 168.269.635.159 iuans (21.749 millóns de euros), dos que o 90% chegarían a través de dispositivos móbiles, deixando claro os cambios nas tendencias de mercado e o feito de que o ordenadores a nivel global dista moito de ser o eixe do comercio electrónico.
Durante o sábado Alibaba Cloud chegou a procesar 325.000 pedidos ao segundo e procesaron 1.500 millóns de transaccións, ou sexa, que superaron en todos os aspectos a edición do ano pasado, deixando claro que nun único día moven moitos máis cartos dende China que no resto do mundo coa combinación do Black Friday e o Cyber Monday.

PUBLICIDADE