Medran un 7,5% os fogares galegos con Internet contratada

mércores, 16 de outubro do 2019 Redacción

A taxa de fogares galegos que teñen contratado Internet incrementouse este 2019 un 7,5% con respecto ao ano anterior, situándose nun 89%. Son datos reflectidos polo observatorio galego OSIMGA, integrados nun informe novo do INE no que tamén se informa do que representa o devandito aumento en relación á media estatal (á que supera nun 5,8%) e no importante papel que xogan os concellos galegos de menor poboación, que é onde máis crecemento se ten rexistrado, o que se explica por ser estes os que adoitan partir de condicións (calidade do acceso, dispoñibilidade, formación dixital) menos favorábeis. Nestes, a taxa de fogares conectados pasou dun 74,6% a un 81,2%.
As cifras do informe do INE (habilitado en PDF) confirman que as galegas e galegos de menos de 34 anos salientan en materia de uso cotián de Internet (superando a media estatal) e en materia de compras en liña (un ámbito no que superan en seis puntos porcentuais o conxunto dos españois). Entre a poboación máis nova, por debaixo dos 35 anos, o uso de Internet é practicamente universal.
No informe tamén se reflicte que amais dos usos tradicionais (como as mensaxes instantáneas ou o correo electrónico), un dos usos de Internet máis estendidos entre os internautas galegos é a banca electrónica, que é empregada polo 64,6% dos internautas na nosa terra, catro puntos máis que a media estatal.
Segundo a información que ofrece o INE, a maior parte das vivendas que dispoñen de acceso a Internet en Galicia, un 83,1% emprega unha conexión móbil de banda larga través dun dispositivo de man. Trátase da principal tecnoloxía de acceso, por diante da conexión por ADSL, cable ou fibra, que utiliza o 76,2% dos fogares. No conxunto de España as posicións invértese.
Respecto aos datos relativos ao tamaño do hábitat, destácase que nos concellos con poboación maior de 20.000 habitantes, a media galega iguala ou supera á estatal na contratación a Internet e a banda larga.

PUBLICIDADE